|
Traducción de Alexandra Koss Nunha tarde fría de mal tempo outonal, por unha estrada da bisbarra de Tula, alagada de chuvias e triturada polos carrís negros, ía, toda enzoufada de lama, unha carruaxe convertible coa capota a medio despregar, levada por unha troika de cabalos barrufeiros; e parou diante dunha isba longa, de dúas pezas: nunha había unha oficina de correo estatal, e na outra unha morada privada onde se podía repousar ou durmir, xantar ou tomar té de samovar. No coxín de cocheiro estaba sentado un labrego sólido, vestido cun armiak1; a súa faciana era seria, tenebrosa; a barba, rara e negra coma acibeche: tiña toda a aparencia dun bandoleiro de tempos antigos; e na carruaxe estaba un militar de idade, lanzal, cunha gorra grande e un capote de oficial, de corte usado na época de Nicolás tsar2, gris, de colo alto de castor; o militar tiña negras as sobrecellas, mais brancos os bigotes que se xuntaban coas patillas da mesma cor; a barbela, en cambio, tíñaa afeitada; e todo o seu aspecto tiña semellanza con Alexandre II3, tan típica para os militares de entón: a súa mirada, coma a do tsar, era interrogativa, dura e, asemade, cansa. Parados os cabalos, el botou fóra da carruaxe as pernas calzadas de botas militares, altas e de coiro liso; e, termando das abas do capote coas mans enguatadas de tsares, subiu rápido e áxil á soleira da isba. Á esquerda, súa excelencia4 gritou sen cerimonias o cocheiro desde o seu coxín, e o señor, dobrándose un pouquiño de tan alto como era entrou no portal e despois na peza de esquerda. Era unha peza quente, seca e limpa: nun curruncho, á esquerda, había unha icona nova de colorido dourado, encol dunha mesa cun mantel de liño cru, moi limpo, e ó redor da mesa estaban os bancos, tamén limpos, ben fregados; no curruncho máis afastado estaba a cociña de leña, branquísima por acabada de calear; máis preto, unha especie de sofá e sobre el cobertores de cabalo pintos (de fíos grises e negros mesturados); desde detrás do tapador da cociña chegaba o recendo do xchi5: recendía a repolo cocido, carne de tenreira, folla de loureiro. O viaxeiro botou o capote sobre o banco e apareceu aínda máis lanzal co uniforme e as botas; despois quitou a gorra e as luvas e cun aire de canseira cofeou, cunha man pálida e osuda, o seu cabelo, con canas, levemente rizo, peiteado desde as tempas cara ós recantos dos ollos; o rostro, guapo, alongado, de ollos escuros, gardaba marcas da varíola, pero poucas e leves. Na saliña non había ninguén, e el berrou amolado, ó entreabri-la porta da entrada: ¡O da casa! De contado entrou na peza unha muller de pelo escuro, tamén garrida, malia a súa idade, tamén de sobrecellas negras: semellaba unha xitana de idade, pola peluxe escura encol do beizo superior e ó longo das meixelas; tiña o andar lixeiro, por máis de ser corpulenta, cos peitos grandes debaixo da blusa vermella e a barriga triangular, coma a dunha gansa, debaixo da saia negra de la. Benvido, súa excelencia dixo. ¿Fará o favor de xantar ou manda que lle sirva té de samovar? O forasteiro botou unha ollada desatenta ós seus ombreiros arredondados, ós pés lixeiros metidos nas chinelas tártaras, de coiro vermello, moi usadas, e respondeu, tallante e sen interese: Té. ¿Estás aquí de patroa ou de criada? De patroa, súa excelencia. ¿Administrando a casa ti mesma? Si señor, eu mesma. ¿E por que? ¿Serás viúva ou que? Non lle son viúva, súa excelencia, mais teño que goberna-la miña vida dun xeito ou doutro. E gústame rexe-la casa. Ben, ben. Éche unha cousa boa. E que limpa a tes, que acolledora. Desde o primeiro instante, a muller estivo a miralo en fite, cos ollos levemente musgados: Tamén me gusta a limpeza respondeu. É que crecín na casa dos señores, e abofé que aprendín a comportarme con dignidade, Nikolái Alekséievitx6. Este ergueuse rápido, abriu máis os ollos e púxose avermellado: ¡Nadexda! ¿Es ti? dixo de présa. Sonlle eu, Nikolái Alekséievitx respondeu. ¡Santo ceo, santo ceo! exclamou el, sentando no banco sen aparta-los ollos dela. ¡Quen o había pensar! ¿Cantos anos levamos sen vernos? ¿Serán uns trinta e cinco? Trinta, Nikolái Alekséievitx. Téñolle corenta e oito e vostede xa andará cerca de sesenta, creo. Máis ou menos... Meu deus, ¡que cousa máis rara! ¿Que ten de rara, señor? Pois todo, todo...¡Como é que non entendes! Esvaeceu a súa canseira, o seu aire distraído, ergueuse e comezou a andar pola peza cun aire decidido mirando ó chan. Parou, rompeu a falar, todo avermellado debaixo de veíños canos: Non teño noticias de ti desde aquela ¿Como viñeches parar aquí? ¿Por que é que non quedaches na casa señoril? Déronme os señores a carta de alforria. Axiña que partiu vostede. ¿E onde é que viviches despois? É unha historia longa de contar, señor. ¿E dis que non casaches? Non casei, non, señor. ¿Por que? Sendo unha beleza como eras... Non puiden facelo. Mais ¿por que razón? ¿Que queres dicir? Non hai nada que explicar. Igual se lembra cómo o amei a vostede. El virou vermello, a pique de romper a chorar, recomezou a pasear pola peza, cargado o cello. Todo pasa, amiga miña dixo case que nun murmurio. Pasa o amor, pasa a mocidade, todo, todo. Unha historia trivial, ordinaria. Cos anos todo pasa. ¿Como é que se di no libro de Xob? "Como de augas pasados te has lembrar". A cadaquén dálle Deus un destino propio del, Nikolái Alekséievitx. A cadaquén pásalle a mocidade, o amor é outra cousa. El levantou a cabeza e, parado, sorriu cun sorriso enfermizo: ¡Non é posible que puideses amarme ó longo de toda a vida! Puiden, si, señor. Tantos anos pasaron, e eu vivindo só daquilo Sabía que vostede xa hai tempo que non era coma fora, que para vostede todo o que pasara, coma se non tivese pasado, mais, xa ve Xa é tarde para que eu lle veña con reproches, pero, de verdade, abandonoume vostede con moita crueza, moitísima, cantas veces estiven a piques de matarme, só por aldraxada, sen falar doutras cousas. Porque si que houbo tempo, Nikolái Alekséievitx, cando eu lle chamaba a vostede de Nikóleñka e vostede a min ¿lembra como? E dignouse recitarme tantas veces versos onde se trataba de non sei que "alamedas sombrizas" engadiu cun sorriso nada benevolente. ¡Que guapa eras! exclamou el, meneando a cabeza. ¡Tan ardente, tan fermosa! ¡Que donaire, que ollos! Non había quen puidese aparta-la vista de ti, ¿lembras? Lembro, si señor. Vostede tamén era moi guapo. E foi a vostede a quen eu entregara a miña fermosura, o meu ardor. Sonlle cousas imposibles de esquecer. ¡Ah! Todo pasa, todo se esquece. Todo pasa, mais non todo se esquece. Vaite dixo el, póndose de costas e achegándose á ventá vaite, pídocho. Sacou un pano e, levándoo ós ollos, engadiu: Que Deus me perdoe. E ti, se cadra, xa perdoaches. Ela estaba preto da porta, mais parou. Non, Nikolái Alekséievitx, non perdoei. Xa que estamos a falar dos sentimentos dígolle sen viravoltas: non lle puiden perdoar endexamais. Como daquela fora vostede quen me importase máis ca todo neste mundo, así quedou para sempre. Por iso é imposible que lle perdoe. E para qué imos recordar, non se traen os mortos á casa dende o camposanto. Si, si, non serve para nada, manda que veña a miña carruaxe respondeu el, apartándose da ventá, cunha cara xa endurecida. Vouche dicir só unha cousa: nunca fun feliz na miña vida, non creas. Desculpa, pode ser que fira o teu amor propio, pero dígocho co corazón na man: á miña muller ameina con loucura. E traizooume, abandonoume dun xeito aínda máis insultante ca eu a ti. Adorei ó meu fillo: mentres foi crecendo, ¡depositei nel tantas esperanzas! E saíume un canalla, desbaldidor, descarado, sen alma nin corazón Ben, tamén che é unha historia moi trivial, moi ordinaria Deséxoche boa saúde, miña benquerida amiga. Penso que eu tamén perdín en ti o que tiven máis querido nesta vida. Ela achegouse a el, beixoulle a man, el beixoulle a súa. Manda que veña a miña carruaxe Cando arrincaron os cabalos, pensou amouchado: "Si, qué encantadora era. ¡Un feitizo de moza!" Avergoñado, lembrou as súas derradeiras palabras, que lle bicara a man, e, de contado, avergoñouse da súa vergoña. "¿El non é verdade que me deu os mellores instantes da miña vida?" Ó anoitecer albiscouse o sol apagado. O cocheiro facía trota-los cabalos pasando dun carril negro para outro, co fin de evita-los máis lamacentos; el tamén ía pensando en algo. Finalmente dixo, serio e sen cerimonias: A muller quedou pegada á ventá mirándonos marchar, acompañounos cos ollos, súa excelencia ¿Coñécea dende hai moito tempo? Moitísimo, femia. Ten moita cabeza a tía (femia), si, señor. E di a xente que vai sempre axuntando cartos. Empresta diñeiro con xuros. Iso non significa nada. ¡Como non vai significar! Cadaquén quere mellora-la súa vidiña. Se presta con xuros non abusivos non é mala a cousa. Di a xente que cobra os xuros xustos. ¡Pero é dura! Quen non devolva a tempo o prestado ¡pois ti mesmo quixéche-la cousa! Si, si, ti mesmo quixéche-la cousa Por favor, vai de présa, senón perdémo-lo tren O sol baixo deitaba raiolas amarelas sobre eidos baleiros, os cabalos ían trotando polas charqueiras. O militar vello miraba como as ferraduras dos cabalos batían no aire mentres trotaban, e, xuntas as cellas negras, pensaba: "Si, ti mesmo quixéche-la cousa. ¡De certo, foron os mellores instantes da miña vida! Non só mellores, máxicos de verdade". Ó redor florecían as roseiras silvestres, elevábanse as alamedas sombrizas "7 Pero, santo ceo, ¿que sería despois? ¿No caso de que non a abandonase eu? ¿Esta mesma Nadexda, xa non unha pousadeira, senón a miña esposa, dona da miña casa petersburguesa, nai dos meus fillos? E, pechos os ollos, meneaba a cabeza. ________________ 1. Un gabán rústico longo, de pano de la. 2. Nicolás I (1796-1855), emperador ruso desde o ano 1825. 3. Alexandre II (1818-1881), emperador ruso desde o ano 1855, fillo do anterior. 4. O tratamento dado ós altos mandos do exército dos tsares ou ós funcionarios superiores. 5. Sopa rústica rusa de col e carne. 6. A muller trata ó seu interlocutor polo seu nome de pía máis patronímico (forma respectuosa). 7 Unha cita inexacta dun poema que pertence ó poeta NIkolai Ogariov (1813-1877), amigo e correlixionario de A. Herzen. O título do poema é "Una historia ordinaria". 1938, outubro
|