Voltar

Pedro Antonio de Alarcón

O afrancesado

Versión galega de Valentín Arias

 

I

Na pequena vila de Padrón, sita en territorio galego, e aló polo ano de 1808, vendía sapos e cobras e auga de chuvia, en virtude de lexítimo boticario, un tal García de Paredes, misántropo solteirón, descendente acaso, e sen acaso, daquel home ilustre1 que mataba un touro dunha puñada.

Era unha fría e triste noite de outono. O ceo estaba toldado por densas nubes, e a total carencia de iluminación terrestre deixaba a tebra campar polo seu respecto en tódalas rúas e prazas da poboación.

Arredor das dez daquela pavorosa noite, que as lúgubres circunstancias da Patria facían moito máis sinistra, desembocou na praza, que hoxe se chamará da Constitución, un silandeiro grupo de sombras, aínda máis negras cá escuridade do ceo e a terra, que avanzaron cara á botica de García de Paredes, situada nun recanto próximo á Corrixedoría e cerrada completamente desde as Ánimas, ou sexa, desde as oito e media en punto.

-¿Que facemos? -dixo unha das formas en correctísimo galego.

-Ninguén nos viu... -observou outra.

-¡Derruba-la porta! -engadiu unha terceira.

-¡E matalos! -murmuraron ata quince voces.

-¡Eu encárgome do boticario!

-¡Dese encargámonos todos!

-¡Por xudeu!

-¡Por afrancesado!

-Din que hoxe cean con el máis de vinte franceses...

-¡Xa cho creo! ¡Como aí saben que están seguros, acudiron en montón!

-¡Ah! ¡Se fose na miña casa! ¡Levo guindado tres aloxados ó pozo!

-A miña dona degolou onte un...

-¡E eu... -dixo un frade con voz de figle2- esganei a dous capitáns, deixando carbón acendido na súa cela, que antes era miña!

-¡E ese infame boticario protéxeos!

-¡Que expresivo estivo onte no rueiro con eses miserables excomungados!

-¡Quen o había esperar de García de Paredes! ¡Non hai un mes que era o máis valente, o máis patriota, o máis realista da vila!

-¡Velaí! ¡E vendía na botica retratos do príncipe Fernando!

-¡Agora véndeos de Napoleón!

-Antes encirrábanos contra os invasores.

-E, desde que viñeron a Padrón, pasouse a eles...

-¡E esta noite dá de cear a tódolos xefes!

-¡Escoitade que algareo gastan! ¡Pois non berran eles: viva o Emperador!

-Paciencia... -murmurou o frade-. Aínda é cedo.

-Deixémolos embebedárense... -expuxo unha vella-. Despois entramos... ¡e non ha quedar un vivo!

-¡Pido que se poña en cuartos o boticario!

-¡Porase en oitavos, se queredes! Un afrancesado é máis odiado ca un francés. O francés atropela a un pobo estraño: o afrancesado vende e deshonra a súa patria. O francés comete un asasinato: o afrancesado ¡un parricidio!

II

Mentres tiña lugar a anterior escena na porta da botica, García de Paredes e os seus convidados regalábanse coa orxía máis desbaratada e desaforada.

Eran vinte, de feito, os franceses que o boticario sentaba á mesa, todos eles xefes e oficiais.

García de Paredes tería corenta e cinco anos: era alto e seco e máis amarelo ca unha momia; diríase que a súa pel levaba moito tempo morta: chegáballe a fronte á caluga, por obra dunha calva limpa e relucente, o brillo da cal tiña algo de fosfórico; os seus ollos negros e apagados, afundidos nas descarnadas concas, parecíanse a esas lagoas encerradas entre montañas, que só ofrecen escuridade, vertixe e morte a quen as mira; lagoas que non reflicten cousa; que brúan xordamente algunha vez, ora que sen se alteraren; que devoran canto cae na súa superficie; que non devolven nada; que ninguén puido sondar; que non se alimentan de ningún río, e o fondo das cales busca a imaxinación nos mares antípodas.

A cea era abundante, o viño bo, a conversa leda e animada.

Os franceses rían, xuraban, blasfemaban, cantaban, fumaban, comían e bebían asemade.

Quen contara os amores secretos de Napoleón, quen a noite do 2 de Maio en Madrid, quen a batalla das Pirámides, quen a execución de Luís XVI.

García de Paredes bebía, ría e parolaba coma os demais, ou quizais máis ca ningún; e tan elocuente estivera a prol da causa imperial que os soldados do César abrazárano, aplaudírano, improvisáranlle himnos.

-¡Señores! -dixera o boticario-. A guerra que vos facémo-los españois é tan necia como inmotivada. Vosoutros, fillos da Revolución, vindes tirar España do seu tradicional abatemento, despreocupala, disipa-las tebras relixiosas, mellora-los seus anticuados costumes, ensinarnos esas utilísimas e inconcusas verdades «de que non hai Deus, de que non hai outra vida, de que a penitencia, o xaxún, a castidade e demais virtudes católicas son quixotescas loucuras, impropias dun pobo civilizado, e de que Napoleón é o verdadeiro Mesías, o redentor dos pobos, o amigo da especie humana...» ¡Señores! ¡Viva o Emperador, canto eu desexo que viva!

-¡Bravo, vítor! -exclamaron os homes do 2 de Maio.

O boticario inclinou a fronte con indicible angustia.

Logo volveu erguela, tan firme e tan sereno coma antes.

Bebeu un vaso de viño e continuou:

-Un meu avó, un García de Paredes, un bárbaro, un Sansón, un Hércules, un Milón de Cretona, matou douscentos franceses nun día... Coido que foi en Italia. ¡Xa vedes que non era tan afrancesado coma min! ¡Adestrouse nas lides contra os mouros de Granada; armouno cabaleiro o mesmo Rei Católico, e montou máis dunha vez a garda no Quirinal, sendo Papa o noso tío Alexandre Borja! ¡Eh, eh! ¡Non me faciades de tan alta liñaxe! Pois este Diego García de Paredes, este ascendente meu..., que tivo un descendente boticario, tomou Cosenza e Manfredonia; entrou por asalto en Ceriñola e pelexou como bo na batalla de Pavía. ¡Alí fixemos prisioneiro a un rei de Francia, a espada do cal estivo en Madrid cerca de tres séculos ata que nola roubou hai tres meses ese fillo dun pousadeiro que vén á vosa cabeza, ó que lle din Murat!

Aquí fixo outra pausa o boticario. Algúns franceses mostraron querer contestarlle; pero el, poñéndose en pé, e impoñendo a todos silencio coa súa actitude, empuñou convulsivamente un vaso e exclamou con voz atronadora:

-¡Brindo, señores, porque maldito sexa meu avó, que era un animal, e porque se atope agora mesmo nos profundos infernos! ¡Vivan os franceses de Francisco I e de Napoleón Bonaparte!

-¡Vivan!... -responderon os invasores, dándose por satisfeitos.

E todos apuraron o seu vaso.

Nisto oíuse un rumor na rúa, ou, mellor dito, á porta da botica.

-¿Oístes? -preguntaron os franceses.

García de Paredes sorriu.

-¡Viranme matar! -dixo.

-¿Quen?

-Os veciños de Padrón.

-¿Por que?

-¡Por afrancesado! Hai algunhas noites que roldan a miña casa... Mais, ¿que nos importa? Continuémo-la nosa festa.

-Si..., ¡continuemos! -exclamaron os convidados-. ¡Estamos aquí para defendervos! E, chocando xa botellas contra botellas, que non vasos contra vasos:

-¡Viva Napoleón! ¡Morra Fernando! ¡Morra Galicia! -urraron a unha voz.

García de Paredes esperou que acalase o brinde, e murmurou con acento lúgubre:

-¡Celidonio!

O mancebo da botica asomou por unha portiña a súa cabeza pálida e miúda, sen atreverse a penetrar naquela caverna.

-Celidonio, trae papel e tinteiro -dixo tranquilamente o boticario.

O mancebo volveu logo cos útiles de escribir.

-¡Senta! -continuou o seu amo-. Agora, escribe as cantidades que eu che vaia dicindo. Divídeas en dúas columnas. Encima da columna da dereita pon: Débeda; e encima da outra, Crédito.

-Señor -balbuciu o mancebo-. Na porta hai unha especie de motín... Berran ¡morra o boticario!... E ¡queren entrar!

¡Cala e déixaos! Escribe o que che dixen.

Os franceses riron de admiración, ó veren o farmacéutico ocupado en axustar contas cando o rodeaban a morte e maila ruína.

Celidonio ergueu a cabeza e enristrou a pluma, esperando cantidades que anotar.

-¡Imos ver, señores! -dixo entonces García de Paredes, dirixíndose ós seus comensais-. Trátase de resumi-la nosa festa nun só brinde. Empecemos por orde de colocación. Vós, capitán, dicídeme: ¿cantos españois levaredes mortos desde que pasáste-los Pireneos?

-¡Bravo! ¡Magnífica idea! -exclamaron os franceses.

-Eu -dixo o interrogado, encostándose na cadeira e torcendo no bigote con petulancia-. Eu... mataría... persoalmente... coa miña espada..., ¡poñede uns dez ou doce!

-¡Once á dereita! -gritou o boticario, dirixíndose ó mancebo.

O mancebo repetiu despois de escribir:

-Débeda..., once.

-¡Corrente! -proseguiu o anfitrión.

-¿E vós?... Falo con vós, señor Xulio...

-Eu... seis.

-¿E vós, meu comandante?

-Eu... vinte.

-Eu... oito.

-Eu... catorce.

-Eu... ningún.

-¡Eu non sei!..., tirei ás cegas... -respondeu cada quen, conforme lle chegaba a vez.

E o mancebo seguía anotando cantidades á dereita.

-¡Vexamos agora, capitán! -continuou García de Paredes-. Volvamos empezar por vós. ¿Cantos españois esperades que habedes matar no resto da guerra, supoñendo que dure aínda... tres anos?

-¡Eh!... -respondeu o capitán-. ¿Quen calcula iso?

-Calculádeo..., prégovolo.

-Poñede outros once.

-Once á esquerda... -dictou García de Paredes.

E Celidonio repetiu:

-Crédito, once.

-¿E vós? -interrogou o farmacéutico pola mesma orde seguida anteriormente.

-Eu... quince.

-Eu... vinte.

-Eu... un cento.

-Eu... mil... -responderon os franceses.

-¡Ponos todos a dez, Celidonio! -murmurou ironicamente o boticario-. Agora suma, por separado, as dúas columnas.

O pobre mozo, que anotara as cantidades con suores de morte, viuse obrigado a face-lo resumo polos dedos, coma as vellas. Tal era o seu terror. Ó cabo dun pouco de horrible silencio, exclamou, dirixíndose ó seu amo:

-Débeda, 285. Crédito, 200.

-É dicir... -engadiu García de Paredes-, ¡douscentos oitenta e cinco mortos, e douscentos sentenciados! Total, ¡catrocentas oitenta e cinco víctimas!

E pronunciou estas palabras con voz tan fonda e sepulcral, que se miraron os franceses alarmados. Entrementres, o boticario botaba unha nova conta.

-¡Somos uns heroes! -exclamou ó rematala-. Bebemos cento catorce botellas, ou sexa, cento sesenta libras e media de viño, que, repartidas entre vinteún, pois todos bebemos coa mesma afouteza, dan unhas oito libras de líquido por cabeza. ¡Repito que somos uns heroes!

Renxeron nesta altura as táboas da porta da botica, e o mancebo balbuciu bambeando:

-¡Xa entran!...

-¿Que hora é? -preguntou o boticario con suma tranquilidade.

-As once. Pero, ¿non oe vostede que entran?

-¡Déixaos! Xa é hora.

-¡Hora!... ¿de que? -murmuraron os franceses, procurando erguerse. Mais estaban tan ebrios que non se podían mover das súas cadeiras.

-¡Que entren! ¡Que entren!... -exclamaban, sen embargo, con voz aviñada, tirando de sabres con moita dificultade e sen conseguiren poñerse de pé-. ¡Que entren eses canallas! ¡Recibirémolos!

Nisto soou xa abaixo, na botica, o estrépito dos tarros e redomas que os veciños de Padrón escachizaban, e oíase resoar na escaleira este berro unánime e terrible:

-¡Morra o afrancesado!

III

Púxose en pé García de Paredes, como impulsado por un resorte, en oíndo semellante clamor dentro da súa casa, e poñendo a man na mesa para non caer de novo riba da cadeira. Tendeu arredor súa unha mirada de inexplicable alegría; deixou ver nos seus labres o inmortal sorriso do triunfador, e así, transfigurado e fermoso, co dobre tremor da morte e o entusiasmo, pronunciou as seguintes palabras, entrecortadas e solemnes coma as badaladas do toque de agonía:

-¡Franceses!... Se calquera de vosoutros, ou todos xuntos, atoparades ocasión propicia de vinga-la morte de douscentos oitenta e cinco compatriotas e de salva-la vida de douscentos máis; se, sacrificando a vosa existencia, puidesedes desanoxa-la indigna sombra dos vosos devanceiros, castigar ós verdugos de douscentos compañeiros, de douscentos irmáns, aumentando así as hostes do exército patrio con douscentos campións da independencia nacional, ¿reparariades nin un momento na vosa miserable vida? ¿Dubidariades nin un punto en abrazarvos coma Sansón á columna do templo e morrer, a prezo de mata-los inimigos de Deus?

-¿Que di? -preguntaron entre si os franceses.

-Señor... ¡os asasinos están na antesala! -exclamou Celidonio.

-¡Que entren!... -berrou García de Paredes-. ¡Ábrelle-la porta da sala! ¡Que veñan todos... a ver como morre o descendente dun soldado de Pavía!

Os franceses, aterrados, estúpidos, cravados nas súas cadeiras por un horrible letargo, crendo que a morte da que falaba o español ía entrar naquel instante tras dos amotinados, facían penosos esforzos por ergue-los sabres que xacían encol da mesa; mais nin sequera conseguían que os seus frouxos dedos asisen as empuñaduras: parecía que os ferros estaban adheridos á táboa por unha insuperable forza de atracción.

Nisto inundaron a estancia máis de cincuenta homes e mulleres, armados con paos, puñais e pistolas, dando tremendos alaridos e lanzando lume polos ollos.

-¡Morran todos! -exclamaron algunhas mulleres, lanzándose as primeiras.

-¡Detédevos! -berrou García de Paredes con tal voz, con tal actitude, con tal fisionomía que, unido este berro á inmobilidade e o silencio dos vinte franceses, impuxo frío terror á multitude, que non esperaba aquel tranquilo e lúgubre recibimento.

-Non tedes para que afundi-los puñais... -continuou o boticario con voz desfalecida-. Fixen máis ca todos vós pola independencia da Patria... ¡Finxinme afrancesado!... E ¡xa vedes...!: os vinte oficiais invasores..., ¡os vinte!, non lles toquedes... ¡¡están envelenados!!...

Un urro simultáneo de terror e admiración saíu do peito dos españois. Deron estes un paso máis cara ós convidados e acharon que os máis deles estaban xa mortos, coa cabeza caída para adiante, os brazos estendidos sobre a mesa e a man crispada na empuñadura dos sabres. Os demais agonizaban silenciosamente.

-¡Viva García de Paredes! -exclamaron entonces os españois, rodeando ó heroe moribundo.

-Celidonio... -murmurou este-, Celidonio, acabouse o opio... Manda por opio á Coruña...

E caeu de xeonllos.

Só daquela comprenderon os veciños de Padrón que o boticario estaba tamén envelenado.

Era de ver entón un cadro tan tan sublime como espantoso.

Varias mulleres, sentadas no chan, sostiñan na súa faldra e nos seus brazos o expirante patriota, sendo as primeiras en ateigalo de caricias e bendicións, como antes foran as primeiras en pedi-la súa morte.

Os homes colleran tódalas luces da mesa, e alumeaban axeonllados aquel grupo, en que se vían unidos o patriotismo e a caridade.

Aló ficaban na sombra vinte mortos ou moribundos, algúns dos cales ían esboroándose contra o chan con pavorosa gravidez.

E a cada suspiro de morte que se oía, a cada francés que viña abaixo, un sorriso glorioso iluminaba a faciana de García de Paredes, quen de alí a pouco devolveu o seu espírito ó Ceo, bendicido por un ministro do Señor e chorado dos seus irmáns na Patria.

Madrid, 1856.


  1. Diego García de Paredes (1466-1530), famoso guerreiro, compañeiro do Gran Capitán, tido popularmente por gran forzudo.
  2. Instrumento músico de metal, tubo dobrado con chaves e pistóns.
© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2002
© da tradución Valentín Arias