|
¡Eran tres: sempre os tres! Rosa, Pinín e a Cordera. O prao Somonte era un retallo triangular de veludo verde tendido, coma unha colgadura, costa abaixo pola lomba. Un dos seus ángulos, o inferior, despuntábao o camiño de ferro de Oviedo a Xixón. Un pao do telégrafo, chantado alí coma pendón de conquista, coas súas xícaras brancas e os seus arames paralelos, á dereita e á esquerda, representaba para Rosa e Pinín o ancho mundo descoñecido, misterioso, temible, eternamente ignorado. Pinín, despois de pensalo moito, cando á forza de ver días e máis días o poste tranquilo, dado, con gana, sen dúbida, de aclimatarse á aldea e parecerse todo o posible a unha árbore seca, foise atrevendo con el, levou a confianza ó extremo de abrazarse ó madeiro e rubir ata preto dos arames. Mais nunca chegaba a tocarlle á porcelana de arriba, que lle facía lembra-las xícaras vistas na rectoral de Puao. Ó verse tan cerca do misterio sagrado, acometíao un pánico de respecto, e deixábase escorregar de présa ata bater cos pés no céspede. Rosa, menos audaz, pero máis namorada do descoñecido, contentábase con arrima-la orella ó pao do telégrafo, e pasaba minutos, e ata cuartos de hora, escoitando os formidables rumores metálicos que arrincaba o vento ás febras do piñeiro seco en contacto co arame. Aquelas vibracións, por veces intensas coma as do diapasón, que, aplicado ó oído, parece que queima co seu vertixinoso latir, eran para Rosa os papeis que pasaban, as cartas que escribían polos fíos, a linguaxe incomprensible que o ignorado falaba co ignorado; ela non tiña curiosidade por entende-lo que os de aló, tan lonxe, dicían ós do outro extremo do mundo. ¿Que lle importaba? O seu interese estaba no ruído polo ruído mesmo, polo seu timbre e o seu misterio. A Cordera, moito máis formal cós seus compañeiros, é verdade que, relativamente, de idade tamén moito máis madura, abstíñase de toda comunicación co mundo civilizado, e miraba de lonxe o pao do telégrafo, como o que era para ela, efectivamente, como cousa morta, inútil, que non lle servía sequera para cozarse. Era unha vaca que vivira moito. Sentada horas e horas, pois, experta en pastos, sabía aproveita-lo tempo, meditaba máis que comía, gozaba do pracer de vivir en paz, baixo o ceo tranquilo e gris da súa terra, coma quen alimenta a alma, que tamén teñen os brutos; e de non ser profanación, poderíase dicir que os pensamentos da vaca matrona, chea de experiencia, debían parecerse todo o posible ás máis sosegadas e doutrinais odas de Horacio. Asistía ós xogos dos pegureiriños encargados de alindala, coma unha avoa. Se puidese, había sorrir ó pensar que Rosa e Pinín tiñan por misión no prado coidar de que ela, a Cordera, non se propasase, non se metese pola vía do ferrocarril nin saltase á herdade veciña. ¡Que había de saltar! ¡Que se había de meter! Pastar de cando en cando, non moito, cada día menos, mais con atención, sen perde-lo tempo en ergue-la cabeza por curiosidade necia, escollendo sen vacilar os mellores bocados, e, despois, sentar sobre o cuarto traseiro con delicia, a remoe-la vida, a goza-lo deleite do non padecer, do deixarse existir: isto era o que ela tiña que facer, e todo o demais aventuras perigosas. Xa non lle acordaba cando lle picara a mosca. «O xatu (o touro), o rebeirar coma unha tola polos prados adiante... ¡Todo iso ficaba tan lonxe!» Aquela paz só se turbara nos días de proba da inauguración do ferrocarril. A primeira vez que a Cordera vin pasa-lo tren, virou louca. Brincou polo máis alto a sebe do Somonte, correu por prados alleos, e o terror durou moitos días, renovándose, máis ou menos violento, cada vez que a máquina asomaba pola trincheira veciña. Pouco a pouco foise acostumando ó estrépito inofensivo. Cando chegou a convencerse de que era un perigo que pasaba, unha catástrofe que ameazaba sen dar, reduciu as súas precaucións para poñerse en pé e mirar de fronte, coa cabeza ergueita, ó formidable monstro; máis adiante non facía máis que miralo, sen se erguer, con antipatía e desconfianza; acabou por non mirar ó tren sequera. En Pinín e Rosa, a novidade do ferrocarril produciu impresións máis agradables e persistentes. Se ó principio era unha alegría louca, algo mesturada de medo supersticioso, unha excitación nerviosa, que os facía prorromper en berros, xestos, pantomimas sen pés nin cabeza, despois foi un recreo pacífico, suave, renovado varias veces ó día. Tardou moito en gastarse aquela emoción de contempla-la marcha vertixinosa, acompañada do vento, da gran cóbrega de ferro, que levaba dentro de si tanto ruído e tantas castes de xente descoñecida, estraña. Mais, telégrafo, ferrocarril, todo iso, era o de menos: un accidente pasadío que afogaba no mar de soidade que rodeaba o prao Somonte. Desde alí non se vía vivenda humana, alí non chegaban ruídos do mundo máis que ó pasa-lo tren. Mañás sen fin, baixo os raios do sol ás veces, entre o zunir dos insectos, a vaca e mailos nenos esperaban a proximidade do mediodía para volveren á casa. E logo, tardes enteiras, de doce tritura silenciosa, no mesmo prado, ata vi-la noite, coa estrela da tarde por testemuña muda na altura. Roulaban as nubes aló arriba, caían as sombras das árbores e das penas na lomba e na valgada, deitábanse os paxaros, daban en brillar algunhas estrelas no máis escuro do ceo azul, e Pinín e Rosa, os nenos xemelgos, fillos de Antón de Chinta, coa alma tinxida da doce serenidade soñadora da solemne e seria Natureza, calaban horas e máis horas, despois dos seus xogos, nunca moi estrepitosos, sentados preto da Cordera, que acompañaba o augusto silencio de tarde en tarde cun brando son de preguiceira choca. Neste silencio, nesta calma inactiva, había amores. Amábanse os dous irmáns coma dúas metades dun froito verde, unidos pola mesma vida, con escasa conciencia do que neles era distinto, de canto os separaba; amaban Pinín e Rosa á Cordera, a vaca avoa, grande, amarela, a súa testa semellando un berce. A cordera lembraríalle a un poeta a zacala do Ramayana, a vaca santa; tiña na amplitude das súas formas, na solemne serenidade dos seus pausados e nobres movementos, aires e contornos de ídolo destronado, caído, contento coa súa sorte, máis satisfeita con ser vaca verdadeira que deus falso. A Cordera, ata onde é posible adiviñar estas cousas, pode dicirse que tamén quería ós xemelgos encargados de apacentárena. Era pouco expresiva; mais a paciencia coa que os toleraba cando, nos seus xogos, ela lles servía de almofada, de agocho, de montura, e para outras cousas que ideaba a fantasía dos pegureiros, demostraba tacitamente o afecto do animal pacífico e pensativo. En tempos difíciles, Pinín e Rosa fixeran pola Cordera os imposibles de solicitude e coidado. Antón de Chinta non tivera sempre o prado Somonte. Este regalo era cousa relativamente nova. Anos atrás, a Cordera tiña que saír á gramática, isto é, a apacentar como podía, á boa ventura dos camiños e canellas das rapadas e escasas praderías do común, que tanto tiñan de vía pública coma de pastos. Pinín e Rosa, nos tales días de penuria, guiábana ós mellores cotarelos, ós lugares máis tranquilos e menos esquilmados,e librábana das mil aldraxes a que están expostas as pobres reses que teñen que busca-lo seu alimento nos azares dun camiño. Nos días de fame, na corte, cando escaseaba o feo, e a palla de millo para estra-lo leito quente da vaca faltaba tamén, a Rosa e a Pinín debía a Cordera mil industrias que lle facían máis suave a miseria. ¡E que dicir dos tempos heroicos do parto e a cría, cando se establecía a loita necesaria entre o alimento e regalo da nación, e o interese dos Chintos, que consistía en roubar ó ubre da pobre nai todo o leite que non fose absolutamente indispensable para que o tenreiro subsistise! Rosa e Pinín, no tal conflicto, sempre estaban de parte da Cordera, e en canto había ocasión, ás agachadas, ceibaban o vitelo, que, cego, e coma tolo, a cotenadas contra todo, corría a busca-lo amparo da nai, que o albergaba baixo do seu ventre, volvendo a cabeza agradecida e solícita, e dicindo, á súa maneira: —Deixade ós nenos e ós vitelos que veñan a min. Estes recordos, estes lazos, son dos que non esquecen. Únase ó dito que a Cordera tiña a mellor pasta de vaca sufrida do mundo. Cando se vía emparellada baixo o xugo con calquera compañeira, fiel á camela, sabía somete-la súa vontade á allea, e víase horas e máis hora coa cerviz inclinada, a cabeza torta, en incómoda postura, velando en pé mentres a parella durmía en terra. * Antón de Chinta comprendeu que nacera para pobre cando palpou a imposibilidade de cumprir aquel soño dourado de ter facenda de seu con dúas xugadas polo menos. Gracias a mil aforros, que eran mares de suor e purgatorios de privacións, chegou á primeira vaca, a Cordera, e non pasou do sitio; antes de poder merca-la segunda viuse obrigado, para pagar atrasos ó amo, o dono do lugar que levaba en renda, a levar ó mercado aquel anaco das súas entrañas, a Cordera, o amor dos seus fillos. Chinta finara ós dous anos de te-la Cordera na casa. A corte e a cama do matrimonio estaban parede por medio, chamándolle parede a un tecido de ramas de castiñeiro e canas de millo. A Chinta, musa da economía naquel fogar miserable, morrera mirando para a vaca por un buraco do derramado tabique de ramaxe, sinalándoa como salvación da familia. «Coidádea, é o voso sustento», parecía que dicían os ollos da pobre moribunda, que morreu extenuada de fame e de traballo. O amor dos xemelgos concentrárase na Cordera; o regazo, que ten o seu cariño especial, que o pai non pode substituír, estaba á calor da vaca, na corte, e aló, no Somonte. Antón comprendía todo isto á súa maneira, confusamente. Da venda necesaria non había que dicir palabra ós neños. Un sábado de xullo, ó rompe-lo, Antón, de mal xenio, botou a andar cara a Xixón, levando a Cordera diante, sen máis atavío có colar da choca. Pinín e Rosa durmían. Outros días había que espertalos con azoutes. O pai deixounos tranquilos. Ó erguérense, atoparon a falta da Cordera. «Sen dúbida, mío pa leváraa ó xatu.» Non cabía outra conxectura. Pinín e Rosa opinaban que a vaca ía de mala gana; coidaban eles que non desexaba máis fillos, pois acababa por perde-los todos axiña, sen saber cómo nin cándo. Escurecendo, Antón e maila Cordera entraban polo curral amoucados, cansos e envoltos en po. O pai non deu explicacións, mais os fillos adiviñaban o perigo. Non vendera, porque ninguén quixera chegar ó prezo que a el se lle metera na cabeza. Era excesivo: un sofisma do cariño. Pedía moito pola vaca para que ninguén se atrevese a levarlla. Os que se achegaran a intentar fortuna arredáranse de contado botando renegando daquel home que miraba con ollos de rancor e desafío a quen ousaba insistir en achegarse ó prezo fixo no que el se abroquelaba. Antón de Chinta Estivo no Humedal ata o derradeiro instante do mercado, dándolle prazo á fatalidade. «Non se dirá», pensaba, «que eu non quero vender: son eles, que non me pagan a Cordera polo que vale.» E, por fin, suspirando, se non satisfeito, con certo consolo, volveu colle-lo camiño pola estrada de Candás adiante, entre a confusión e o ruído de porcos e xatos, bois e vacas, que os aldeáns de moitas parroquias da contorna conducían con máis ou menos traballo, conforme eran de antigo as relacións entre os donos e as bestas. No Natahoyo, na encrucillada, aínda estivo exposto o de Chinta a quedar sen a Cordera; un veciño de Carrió, que o roldara todo o día ofrecéndolle poucos pesos menos dos que el pedía, deulle o último ataque, algo borracho. O de Carrió subía, subía, loitando entre a cobiza e o antollo de leva-la vaca. Antón, coma unha rocha. Chegaron a te-las mans entrelazadas, parados no medio da estrada, interrompendo o paso... Ó cabo, a cobiza puido máis; o pico dos cincuenta separounos coma un abismo; soltaron as mans, e cadaquén tirou por seu lado; Antón, por una canella que o levou, entre cabrifollos que aínda non florecían e silveiras en flor, o ata a súa casa. * Desde aquel día que adiviñaron o perigo, Pinín e Rosa non acougaron. Ó media-la semana presentouse o mordomo no curral de Antón. Era outro aldeán da mesma parroquia, de malas pulgas, cruel cos caseiros atrasados. Antón, que non admitía reprensións, púxose lívido ante as ameazas de desafiuzamento. O amo non esperaba máis. Ben, vendería a vaca a vil prezo, por unha merenda. Había que pagar ou quedar na rúa. O sábado inmediato, acompañou Pinín a seu pai ó Humedal. O neno miraba con horror ós contratistas de carnes, que eran os tiranos do mercado. A Cordera foi mercada no seu xusto prezo por un rematante de Castela. Fíxoselle un sinal na pel, e a vaca volveu á súa corte de Puao, xa vendida, allea, tanxendo tristemente a choca. Detrás camiñaban Antón de Chinta, taciturno, e Pinín, con ollos coma pucheiros. Rosa, ó saber da venda, abrazouse á testa da Cordera, que inclinaba a cabeza ós afagos coma ó xugo. «Íase a vella», pensaba coa alma magoada Antón o túzaro. «Ela, ser era unha besta; pero os seus fillos non tiñan outra nai nin outra avoa.» Aqueles días, no pasto, no verdor do Somonte, o silencio era fúnebre. A Cordera, que ignoraba a súa sorte, descansaba e pacía coma sempre, sub specie aeternitatis, como descansaría e comería un minuto antes de que a brutal porrada a derribase morta. Pero Rosa e Pinín xacían desolados, tendidos sobre a herba, inútil de alí en diante. Miraban con rancor os trens que pasaban, os arames do telégrafo. Era aquel mundo descoñecido, tan lonxe deles por un lado, e por outro o que lles levaba a súa Cordera. O venres, o escurecer, foi a despedida. Veu un encargado do rematante de Castela pola res. Pagou; botaron un trago Antón e o comisionado, e sacouse ó torreiro a Cordera. Antón rematara a botella; estaba exaltado; o peso do diñeiro no peto tamén o animaba. Quería atordarse. Falaba moito, gababa as excelencias da vaca. O outro sorría, porque as gabanzas de Antón eran impertinentes. ¿Que daba a res tantos e tantos xerros de leito? ¿Que era nobre no xugo, forte coa carga? ¿E que, se dentro de poucos días había estar reducida a costeletas e outros bocados suculentos? Antón non quería imaxinar isto; facíaa viva, traballando, servindo a outro labrador, esquecida del e dos seus fillos, pero viva, feliz... Pinín e Rosa, sentados sobre o montón de cucho (esterco), lembranza para eles sentimental da Cordera e dos propios afáns, unidos polas mans, miraban ó inimigo con ollos de espanto. No supremo instante tiráronse sobre a súa amiga; bicos, abrazos: houbo de todo. Non podían separarse dela. Antón, esgotada de pronto a excitación do viño, caeu coma nun marasmo; cruzou os brazos, e entrou no curral escuro. Os fillos seguiron un bo treito pola canella, de altas sebes, ó triste grupo do indiferente arreador e a Cordera, que ía de mala gana cun descoñecido e a tales horas. Por fin, houbo que separarse. Antón, de mal xenio, clamaba desde a casa: —¡Bah, bah, neños, acá vos digo; basta de pamemes! Así berraba de lonxe o pai con voz de lágrimas. Entraba a noite; pola canella escura que facían case negra as altas sebes, formando case bóveda, perdeuse o vulto da Cordera, que parecía negra de lonxe. Despois non quedo máis dela có tin tan pausado da choca, esvaecido coa distancia, entre o renxer melancólico das infinitas carricantas. —¡Adeus, Cordera! –berraba Rosa desfeita en pranto–. ¡Adeus, Cordera de mío alma! —¡Adeus, Cordera! –repetía Pinín, non máis sereno. —Adeus –contestou por último, ó seu xeito, a choca, perdéndose o seu lamento triste, resignado, entre os demais sons da noite de xullo na aldea... * O día seguinte, moi cedo, á hora de sempre, Pinín e Rosa foron ó prao Somonte. Aquela soidade non o fora nunca para eles, triste; aquel día, o Somonte sen a Cordera parecía o deserto. De súpeto asubiou a máquina, apareceu o fume, logo o tren. Nun furgón cerrado, a través duns estreitos ventanos altos ou respiradoiros, albiscaron os irmáns xemelgos cabezas de vacas que, pasmadas, miraban por aqueles fachinelos. —¡Adeus, Cordera! –vociferou Pinín coa mesma fe, amosando os puños ó tren, que voaba camiño de Castela. E, chorando, repetía o rapaz, máis informado que súa irmá das picardías do mundo: —Lévana ó Matadoiro... Carne de vaca, para comeren os señores, os curas... os indianos. —¡Adeus, Cordera! —¡Adeus, Cordera! E Rosa e Pinín miraban con rancor á vía, ó telégrafo, os símbolos daquel mundo inimigo, que lles arrebataba, que lles devoraba a súa compañeira de tantas soidades, de tantas tenruras silenciosas, para os seus apetitos, para convertela en manxares de ricos larfóns... —¡Adeus, Cordera! —¡Adeus, Cordera! * Pasaron moitos anos. Pinín fíxose mozo e levouno o Rei. Ardía a guerra carlista. Antón de Chinta era caseiro dun cacique dos vencidos; non houbo influencia para declarar inútil a Pinín, que, por ser, era coma un carballo. E unha tarde triste de outubro, Rosa, no prao Somonte soa, esperaba o paso do tren correo de Xixón, que lle levaba os seus únicos amores, seu irmán. Asubiou lonxe a máquina, apareceu o tren na trincheira, pasou coma un lóstrego. Rosa, case metida nas rodas, puido ver un instante nun coche de terceira multitude de cabezas de pobres quintos que gritaban, xesticulaban, saudando ás árbores, ó chan, ós campos, a toda a patria familiar, a pequena, que deixaban para ir morrer nas loitas fratricidas da patria grande, ó servicio dun rei dunhas ideas que non coñecían. Pinín, con medio corpo fóra da xaneliña, tendeulle os brazos á irmá; case se tocaron. E Rosa puido oír entre o estrépito das rodas e o balbordo dos recrutas a voz distinta do seu irmán, que saloucaba, exclamando, como inspirado por un recordo de dor allea: —¡Adeus, Rosa!... ¡Adeus, Cordera! —¡Adeus, Pinín! ¡Pinín de mío alma!... «Aló ía, coma a outra, coma a vaca avoa. Levábao o mundo. Carne de vaca para os larfóns, para os indianos; carne da súa alma, carne de canón para as toleadas do mundo, para as ambicións alleas.» Entre confusións de dor e de ideas, pensaba así a pobre irmá vendo o tren que se perdía ó lonxe, asubiando triste, con asubío que repercutían os castiñeiros, as veigas e os penedos... ¡Que soa quedaba! Agora si, agora si que era un deserto o prao Somonte. —¡Adeus, Pinín! ¡Adeus, Cordera! Con qué odio miraba Rosa á vía luxada de carbóns apagados; con qué ira ós arames do telégrafo. ¡Oh! ben facía a Cordera en non se acercar. Aquilo era o mundo, o descoñecido, que o levaba todo. E sen pensalo, Rosa apoiou a cabeza no pao chantado coma un pendón no bico do Somonte. Agora xa o comprendía Rosa. Era canción de lágrimas, de abandono, de soidade, de morte. Nas vibracións rápidas, coma queixumes, coidaba oír, moi lonxe, a voz que saloucaba pola vía adiante: —¡Adeus, Rosa! ¡Adeus Cordera! |