Voltar

Oscar Wilde

O abano de Lady Windermere

Versión galega de Marifé Vega Alba

 

 

PERSONAXES

Lord Windermere

Lord Darlington

Lord Augustus Lorton

Sr. Dumby

Sr. Cecil Graham

Sr. Hopper

Parker, mordomo

Lady Windermere

A duquesa de Berwick

Lady Agatha Carlisle

Lady Plymdale

Lady Stutfield

Lady Jedburgh

Sra. Cowper-Cowper

Sra. Erlynne

Rosalie, doncela

ACTOS DA OBRA

Acto 1º.: Gabinete na casa de lord Windereme.

Acto 2º.: Salón na casa de lord Windermere.

Acto 3º.: Salón na casa de lord Darlington.

Acto 4º.: A mesma do acto primeiro.

Tempo: época actual
Lugar da acción: Londres.

A acción da obra ten lugar en 24 horas, comezando un xoves ás 5 da tarde e rematando o día seguinte á 1.30 da tarde.

 

ACTO PRIMEIRO

Gabinete, pola mañá, na casa de lord Windermere en Carlton House Terrace. Portas ó fondo e á dereita. Andel con libros e papeis á dereita. Sofá e unha mesiña de té á esquerda. Xanela que conduce á terraza, á dereita. Mesa á dereita.

(LADY WINDERMERE está a carón da mesa da dereita, colocando rosas nun vaso azul. Entra PARKER polo fondo.)

PARKER.- ¿Está a señora na casa?

LADY WINDERMERE.- Si. ¿Quen chama?

PARKER.- Lord Darlington, señora.

LADY WINDERMERE.- (Dubida un momento.) Dígalle que pase e estou na casa para quen chame.

PARKER.- Si, señora. (Sae polo fondo.)

LADY WINDERMERE.- É mellor velo antes do anoitecer. Alégrame que veña.

PARKER.- (Entra PARKER polo fondo.) Lord Darlington.

(Entra LORD DARLINGTON polo fondo e sae PARKER.)

LORD DARLINGTON.- ¿Como está, Lady Windermere?

LADY WINDERMERE.- Ben, Lord Darlington. Non, non podo darlle a man. Téñoas molladas das rosas. Son fermosas, ¿non si? Trouxéronmas de Selvy pola mañá.

LORD DARLINGTON.- Abofé que si. (Ve un abano enriba da mesa.) ¡E que abano máis fermoso! ¿Permíteme que lle bote unha ollada?

LADY WINDERMERE.- Adiante. Fermoso, ¿non si? Ten o meu nome gravado e todo. Acabo de recibilo. O meu marido regaloumo polo meu aniversario. ¿Sabe que hoxe é o meu aniversario?

LORD DARLINGTON.- Non, ¿de verdade?

LADY WINDERMERE.- Si, hoxe entro na maioría de idade. Un día bastante importante na miña vida, ¿eh? Por iso dou unha festa esta noite. Por favor, sente. (Segue a coloca-las flores.)

LORD DARLINGTON.- (Sentando.) Que mágoa non saber que hoxe era o seu aniversario, Lady Windermere. Alfombraría a súa rúa con flores para que vostede puidese camiñar nela. Están feitas para vostede. (Unha pequena pausa.)

LADY WINDERMERE.- Lord Darlington, onte pola noite, no baile do Ministerio de Asuntos Exteriores, vostede estivo un algo inoportuno. E lamentaría que o volvese facer.

LORD DARLINGTON.- ¿Eu, lady Windermere?

(Entra PARKER seguido dun servinte polo fondo, cunha bandexa e un servicio de té.)

LADY WINDERMERE.- Déixea aquí, Parker. Así. (Limpa as mans co seu pano, vai á mesa e senta.) ¿Por que non se achega, Lord Darlington?

(Sae PARKER polo fondo)

LORD DARLINGTON.- (Colle unha cadeira e vai ó fondo á esquerda.) Estou moi intrigado, lady Windermere. Dígame o que fixen. (Senta cabo da mesa da esquerda.)

LADY WINDERMERE.- Ben, estívome a agasallar cos seus eloxios toda a tarde.

LORD DARLINGTON.- (Sorrindo.) Ah, hoxe en día andamos todos tan precisados de cartos que co único que podemos agasallar é cos eloxios.

LADY WINDERMERE.- (Negando.) Estou a falar moi en serio. Non sorría. Dígoo en serio. Non me gustan os eloxios e non vexo por qué un home pensa que está a compracer a unha muller cando lle di unha morea de cousas que non quere dicir.

LORD DARLINGTON.- Ah, mais eu si que as quería dicir. (Colle a cunca de té que ela lle ofrece.)

LADY WINDERMERE.- (Moi seria.) Espero que non. Apesararíame moito ter que discutir con vostede, Lord Darlington. Sabe que o aprecio moito. Mais non debería aprecialo de saber que vostede é coma a maioría dos homes. Créame, vostede é mellor cá maioría dos homes e ás veces penso que pretenda ser peor.

LORD DARLINGTON.- Todos temos as nosas pequenas vaidades, Lady Windermere.

LADY WINDERMERE.- ¿E que lle fai pensar que a fachenda é a mellor? (Aínda sentada.)

LORD DARLINGTON.- (Aínda sentado) Oh, na actualidade hai tanta xente fanfurriñeira que está na sociedade aparentando ser boa e penso que o que amosa é unha doce e modesta disposición a aparentar ser mala. Ademais, hai que telo en conta. Se un aparenta ser bo, o mundo tómao en serio. Se aparenta ser malo, non. Así é a incrible estupidez do optimismo.

LADY WINDERMERE.- Entón, ¿vostede non quere que o mundo o tome en serio, lord Darlington?

LORD DARLINGTON.- ¡Non, non o mundo! ¿A quen toma o mundo en serio? A toda a xente parva na que un poida pensar dende os bispos ata os máis baldreus. O que me gustaría é que VOSTEDE me tomase en serio, Lady Windermere, VOSTEDE máis que ninguén.

LADY WINDERMERE.- ¿Eu? ¿Por que eu?

LORD DARLINGTON.- (Despois de dubidar un pouco) Porque creo que podemos ser bos amigos. ¿Quere que sexamos bos amigos? Pode que algún día queira ter un amigo.

LADY WINDERMERE.- ¿Por que di eso?

LORD DARLINGTON.- ¡Oh, todos queremos ter amigos algunha vez!

LADY WINDERMERE.- Creo que xa somos bos amigos, lord Darlington. Podemos seguir séndoo, mentres vostede non...

LORD DARLINGTON.- ¿Non que?

LADY WINDERMERE.- Non o estrague dicindo parvadas. Vostede cre que eu son unha puritana, ¿non si? Pois ben, teño algo de puritana. Educáronme así e estou contenta diso. A miña nai morreu cando eu apenas era unha nena. Vivín sempre coa miña tía Xulia, a irmá maior de meu pai. Era moi severa comigo, mais ensinoume o que o mundo esquece a diferenza que hai entre o que está ben e o que está mal. Ela non admitía o compromiso. Eu tampouco.

LORD DARLINGTON.- ¡Meu Deus, Lady Windermere!

LADY WINDERMERE.- (Botándose cara atrás no sofá.) Vostede pensa que son unha muller doutro tempo, ¿non si? Ben, ¡pois ten razón! Lamentaría moitísimo estar ó mesmo nivel dun tempo coma este.

LORD DARLINGTON.- ¿Cre que é un tempo malo?

LADY WINDERMERE.- Si. Hoxe en día a xente ve a vida como unha especulación. É un sacramento. O seu ideal é o Amor. A súa purificación é o sacrificio.

LORD DARLINGTON.- (Sorrindo.) ¡Oh, nada é mellor que ser sacrificado!

LADY WINDERMERE.- (Botándose cara adiante.) Non diga iso.

LORD DARLINGTON.- Dígoo. Síntoo e sei que teño razón.

(Entra PARKER polo fondo.)

PARKER.- Señora, eses homes queren saber se van poñer alfombras na terraza para esta noite.

LADY WINDERMERE.- ¿Pensa que choverá, Lord Darlington?

LORD DARLINGTON.- ¡De ningún xeito no seu aniversario!

LADY WINDERMERE.- Dígalles que as poñan agora mesmo, Parker.

(Sae PARKER.)

LORD DARLINGTON.- (Aínda sentado.) ¿Vostede cre que –por suposto só estou poñendo un exemplo–, vostede cre que no caso dunha parella acabada de casar, digamos hai dous anos, se o marido de repente se converte no amigo íntimo dunha muller con... ben, cunha vida un algo dubidosa, a visita continuamente, xanta con ela e probablemente paga as súas facturas, cre que a súa muller buscaría consolo?

LADY WINDERMERE.- (Engurrando o cello) ¿Buscar consolo?

LORD DARLINGTON.- Si, creo que estaría no seu dereito.

LADY WINDERMERE.- Só porque o marido sexa vil, ¿debe selo tamén a muller?

LORD DARLINGTON.- Vil é unha palabra espantosa, lady Windermere.

LORD DARLINGTON.- ¿Sabe que creo que a xente boa fai un montón de dano neste mundo? De feito, o gran dano que fan é concederlle importancia á maldade. É absurdo dividir a xente en boa ou mala. A xente é agradable ou desagradable. Eu estou no grupo dos agradables e vostede, lady Windermere, non pode evitar estar nese grupo.

LADY WINDERMERE.- Moi amable, lord Darlington. (Erguéndose, pasa por diante del cara á dereita.) Non, non se mova, só vou acabar de arranxar as miñas flores. (Vai cara á mesa do fondo onde están as flores.)

LORD DARLINGTON.- (Erguéndose.) E debo dicirlle que vostede é moi dura coa vida moderna, lady Windermere. Por suposto que hai cousas en contra dela, admítoo. Por exemplo, a maioría das mulleres hoxe en día son bastante venais...

LADY WINDERMERE.- Non fale desa xente.

LORD DARLINGTON.- Ben, entón, deixando de lado a xente venal que, por suposto, é sempre lamentable, ¿de verdade cre que as mulleres que cometeron iso que mundo chama unha falta non deben ser perdoadas?

LADY WINDERMERE.- (De pé a carón da mesa.) Creo que non deberían ser perdoadas endexamais.

LORD DARLINGTON.- ¿E os homes? ¿Cre que debería haber as mesmas normas para os homes que para as mulleres?

LADY WINDERMERE.- ¡Por suposto!

LORD DARLINGTON.- Eu penso que a vida é unha cousa moi complicada para resolverse con estas normas duras e estritas.

LADY WINDERMERE.- Se tivésemos esas "normas duras e estritas", a vida sería moito máis sinxela.

LORD DARLINGTON.- ¿Non admitiría vostede algunha excepción?

LADY WINDERMERE.- ¡Ningunha!

LORD DARLINGTON.- ¡Ah, que puritana máis fascinante é vostede, lady Windermere!

LADY WINDERMERE.- O adxectivo non era necesario, Lord Darlington.

LORD DARLINGTON.- Non puiden evitalo. Podo resistir todo agás a tentación.

LADY WINDERMERE.- A vostede aféctao a debilidade.

LORD DARLINGTON.- (Mirando para ela.) É só unha afectación, lady Windermere.

(Entra Parker.)

PARKER.- A Duquesa de Berwick e Lady Agatha Carlisle.

(Entran polo fondo a duquesa de Berwick e LADY AGATHA CARLISLE. Sae PARKER.)

DUQUESA DE BERWICK.- (Achegándose a lady Windermere e dándolle a man.) Querida Margaret, alégrome moito de vela. Vostede lémbrase de Agatha, ¿non si? (Indo cara a lord Darlington) ¿Como está, Lord Darlington? Non lle presento a miña filla. Vostede é demasiado malo.

LORD DARLINGTON.- Non diga iso, duquesa. Como home malo, son un auténtico desastre. Ademais, hai moita xente que di que en realidade nunca fixen nada malo na miña vida. Por suposto só o din ás miñas costas.

DUQUESA DE BERWICK.- ¿Que malos? Agatha, este é Lord Darlington. Non lle creas nada do que diga. (LORD DARLINGTON pasa á dereita da escena.) Non, non, grazas (Senta no sofá.) Acabámolo de tomar na casa de lady Markby. Por certo, moi malo. Imbebible. Mais non me sorprende en absoluto, proporciónallo o seu propio xenro. Agatha está desexando o baile desta noite, querida Margaret.

LADY WINDERMERE.- (Sentada á esquerda) Oh, non debe pensar que vai haber un baile de gala, duquesa. É só unha reunión en honor ó meu aniversario. Acabará cedo.

LORD DARLINGTON.- (Erguéndose á esquerda) Unha pequena festa con moi pouca xente e moi distinguida, ¿non si, duquesa?

DUQUESA DE BERWICK.- (No sofá da esquerda.) Abofé que vai ser distinguida tratándose de vostede, querida Margaret. Realmente é unha das poucas casas de Londres onde podo traer a Agatha e onde me sinto segura do meu querido Berwick. Non sei ata onde imos chegar. A xente máis terrible parece estar en todas partes. De feito, veñen ás miñas festas. Os homes enfurécense se non se convidan. En serio, alguén debería facer algo ó respecto.

LADY WINDERMERE.- Fareino eu, duquesa. Non permitirei que entre na miña casa ninguén que dea que falar.

LORD DARLINGTON.- (Á dereita no fondo.) Oh, non diga iso, lady Windermere. ¡Eu non sería ben recibido! (Sentando.)

DUQUESA DE BERWICK.- Oh, os homes non se teñen en conta. Coas mulleres é diferente. Somos boas. Algunhas, polo menos. Mais ata estas estamos a ficar un pouco illadas. Os nosos maridos realmente esquecerían que existimos de non os enfastiar de cando en vez, só para lles recordar que temos todo o dereito a facelo.

LORD DARLINGTON.- É curioso, duquesa, o xogo do matrimonio. Un xogo, por certo, que xa non está de moda. As mulleres teñen todos os triunfos e, sen embargo, sempre perden a súa baza.

DUQUESA DE BERWICK.- ¿A baza? ¿Refírese ó marido, lord Darlington?

LORD DARLINGTON.- Sería un bo nome para o marido de hoxe en día.

DUQUESA DE BERWICK.- Lord Darlington, ¡que depravado é vostede!

LADY WINDERMERE.- Lord Darlington é moi superficial.

LORD DARLINGTON.- Ah, non diga iso, Lady Windermere.

LADY WINDERMERE.- Entón ¿por que fala tan superficialmente da vida?

LORD DARLINGTON.- Porque coido que a vida é importante dabondo como para non falar seriamente dela. (Erguéndose.)

DUQUESA DE BERWICK.- ¿Que quixo dicir? Apiádese da miña falta de agudeza, lord Darlington, e explíqueme qué quixo dicir con iso.

LORD DARLINGTON.- (Volvendo á mesa.) Mellor que non, duquesa. Nestes tempos ser intelixible significa poder ser descuberto. ¡Adeus! (Dálle a man á duquesa.) E agora lady Windermere, ata logo. Podo vir esta noite ¿non si? Déixeme vir...

LADY WINDERMERE.- (Érguese e ponse a carón de lord Darlington.) Si, por suposto. Mais non debe dicirlle á xente cousas insensatas e falsas.

LORD DARLINGTON.- (Sorrindo.) ¡Ah! Vostede está comezando a corrixirme. É perigoso corrixir á xente, lady Windermere. (Fai unha reverencia e sae polo fondo.)

DUQUESA DE BERWICK.- (Erguéndose.) ¡Que criatura máis encantadora! Gústame moito. Alégrame que marchase. ¡Que fermosa está! ¿Onde conseguiu o vestido? E agora debo dicirlle que sinto mágoa por vostede, querida Margaret. (Vai cara ó sofá e senta con lady Windermere.) ¡Agatha, querida!

LADY AGATHA.- ¿Si, mamá? (Érguese.)

DUQUESA DE BERWICK.- ¿Podes ir ver ese álbum de fotografías que hai alí?

LADY AGATHA.- Si, mamá. (Vai á mesa da esquerda.)

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Que boa é! Gústanlle tanto as fotografías de Suíza. ¡Que gusto! Pois si, querida Margaret, de verdade que sinto mágoa por vostede.

LADY WINDERMERE.- (Sorrindo.) ¿Por que, duquesa?

DUQUESA DE BERWICK.- Pois por esa mala muller. Viste moi ben pero tamén, e iso é o peor, Augusto, o meu lamentable irmán –vostede coñéceo–, unha cruz para todos nós; pois ben, o feito é que Augustus encaprichouse tolamente con ela. Un escándalo porque ela é completamente inadmisible na sociedade. Moitas mulleres teñen un pasado, mais dígolle que ela ten polo menos unha ducia e todos de xente ben.

LADY WINDERMERE.- ¿De quen está a falar, duquesa?

DUQUESA DE BERWICK.- Da Sra. Erlynne.

LADY WINDERMERE.- ¿A Sra. Erlynne? Na miña vida oín falar dela, duquesa. ¿E que ten ela que ver comigo?

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Pobre Margarida! ¡Agatha, querida!

LADY AGATHA.- ¿Si, mamá?

DUQUESA DE BERWICK.- ¿Podes saír a terraza ve-lo solpor?

LADY AGATHA.- Si, mamá. (Sae pola xanela da esquerda)

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Que encanto de nena! ¡Gústalle tanto o solpor! Amosa ter uns sentimentos refinados, ¿non si? Despois de todo, non hai nada como a natureza, ¿verdade?

LADY WINDERMERE.- ¿Mais que pasa, duquesa? ¿Por que me fala vostede desa muller?

DUQUESA DE BERWICK.- ¿De verdade que non o sabe? Asegúrolle que estamos todos moi desgustados. Onte pola noite na casa de lady Jansen só se falaba do extraordinario que era que entre tódolos homes de Londres, Windermere se comportase dese xeito.

LADY WINDERMERE.- O meu marido, ¿que ten que ver el cunha muller así?

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Ah, querida! ¿Que ten que ver? Esa é a cuestión. El vaina ver continuamente e fica con ela durante horas, e mentres está el alí ela non recibe a ninguén. Non son as mulleres que a visitan, mais ten moitísimas amizades do sexo masculino; meu irmán entre outros, como lle dixera. E isto é o que agrava a conduta de Windermere. Considerabámolo un marido ideal, mais creo que non hai dúbida. As miñas queridas sobriñas, ¿coñece as rapazas de Saville?, unhas rapazas moi agradables, feas, moi feas mais tan boas. Pois ben, sempre están ó carón da fiestra traballando e facendo cousas feísimas para os pobres, cousa que penso que é moi útil nestes malos tempos socialistas, e nunca unha mala muller entrou nunha casa da rúa Curzon, en fronte a onde elas viven, unha rúa moi respectable tamén. ¡Non sei onde imos parar! E dixéronme que Windermere vai alí catro ou cinco veces á semana, elas veno. Non poden evitalo e, aínda que nunca foron contiñeiras, pois por suposto comentáronllo a todo o mundo. E o peor de todo é que me dixeron que esta muller recibía moitos cartos de alguén porque parece ser que chegara a Londres hai seis meses sen un duro e agora ten esa casa marabillosa en Mayfir, leva os seus póneis ó parque tódalas tardes e todo. Ben, todo dende que ela coñeceu ó pobre e querido Windermerre.

LADY WINDERMERE.- ¡Meu Deus! ¡Non o podo crer!

DUQUESA DE BERWICK.- Pois é verdade, querida. Sábeo todo Londres. Por iso pensei que era mellor vir e contarllo e aconsellarlle que leve a Windermere lonxe, a Homburg ou a Ai, onde terá algo que o divirta e onde vostede o poida observar todo o día. Asegúrolle, querida, que en varias ocasións dende que estou casada tiven que finxir que estaba moi enferma, e obrigáronme a beber as augas minerais máis noxentas e todo só por sacar a Berwik da cidade. El era tan extremadamente susceptible. Aínda que debo dicir que nunca deu a ninguén grandes cantidades de cartos. ¡É un home de principios para iso!

LADY WINDERMERE.- (Interrompendo.) Duquesa, ¡mais iso é imposible! (Erguéndose e indo cara ó fondo.) Levamos casados só dous anos. O noso neno ten só seis meses. (Senta na cadeira da dereita cabo da mesa da esquerda.)

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Ai, pobre criatura! ¿Como está? ¿É neno ou nena? que nena, ¡ai non! ¡que me acabo de decatar que é un neno! Síntoo moito. Os nenos son tan malos. O meu é excesivamente inmoral. Se lle dixese a qué hora volve á casa, non o crería. E só hai uns meses que deixou Oxford. De verdade que non entendo o que lles ensinan alí.

LADY WINDERMERE.- ¿Son tódolos homes malos?

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Todos, querida, todos eles sen excepción! E nunca medran para mellor. Os homes avellentan mais nunca se volven bos.

LADY WINDERMERE.- Windermere e máis eu casamos por amor.

DUQUESA DE BERWICK.- Si, todos comezamos así. Só foron as ameazas de suicidio incesantes e brutais de Berwick as que me levaron a aceptalo completamente, e antes de que rematase o ano, xa estaba detrás de toda clase de enaguas, de tódalas cores, formas e materiais. De feito, antes de que rematase a nosa lúa de mel, collino chiscándolle un ollo á miña doncela, a nena máis fermosa e respectable. Despedina inmediatamente sen contemplación. Non, recordo que lla entreguei a miña irmá. O pobre Sr. George é curto de vista e pensei que non importaría. Mais vaia se importou, aínda que foi máis desafortunado. (Érguese.) E agora, querida, teño que marchar porque imos cear fóra. E ollo non tome moi a peito esta pequena aberración de Windermere. Simplemente léveo lonxe e volverá onda vostede rapidamente.

LADY WINDERMERE.- ¿Volver onda min?

DUQUESA DE BERWICK.- (No fondo á esquerda.) Si, querida, esas malvadas mulleres apártannos dos nosos homes, mais sempre volven, lixeiramente danados por suposto. E non monte unha escena, os homes odian iso.

LADY WINDERMERE.- É moi amable, duquesa, por vir e dicirme iso. Mais non podo crer que o meu marido sexa infiel.

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Ai querida! Eu tamén pensaba así. Agora sei que tódolos homes son uns monstros. (Soa o timbre.) O único que se pode facer é alimentar a eses desgraciados ben. Unha boa cociñeira fai marabillas e eu sei que vostede o é. Miña querida Margaret, ¿non irá chorar?

LADY WINDERMERE.- Non tema, duquesa, eu nunca choro.

DUQUESA DE BERWICK.- Moi ben querida. Chorar é o refuxio das mulleres feas, mais a ruína das fermosas. ¡Agatha, querida!

LADY AGATHA.- (Entrando pola esquerda) Si, mamá. (Apoiándose na mesa da esquerda.)

DUQUESA DE BERWICK.- Ven e despídete de Lady Windermere, e agradécelle esta encantadora visita. (Achegándose de novo.) E a propósito, debo agradecerlle que enviase unha postal ó Sr. Hopper. É ese mozo rico australiano no que a xente se fixa actualmente. O seu pai fixo unha gran fortuna vendendo comida en latas redondas, de moi bo padal creo. Creo que é o que os servos nunca queren comer. Mais o fillo é moi interesante. E creo que lle gustan as conversas intelixentes de Agatha. Por suposto, estariamos moi tristes se a perdesemos, mais creo que unha nai que non se separa da súa filla en cada tempada non a quere realmente. Volvemos esta noite, querida. (PARKER abre as portas do fondo.) E lembra o meu consello, leva o teu marido fóra da cidade dunha vez por todas, é o único que se pode facer. Ata logo, unha vez máis. Vamos, Agatha. (Saen a duquesa e lady Agatha polo fondo.)

LADY WINDERMERE.- ¡Que horror! Agora entendo o que quixo dicir Lord Darlington co exemplo da parella que levaba dous anos casada. ¡Oh! Non pode ser verdade. Ela falaba dunha manchea de cartos que lle pagaba a esa muller. Sei onde Arthur ten a cartilla do banco, nun caixón do seu escritorio. É o único modo de pescudalo. Pescudareino. (Abre o caixón.) Non, debe ser un estúpido erro. (Érguese e vai ó fondo.) ¡Algún chisme sen importancia! ¡El quéreme! ¡Quéreme! ¿Mais por que non o debería mirar? Eu son a súa muller, ¡teño dereito a mirar! (Volve á escribanía, colle a cartilla e examina páxina por páxina, sorrí e dá un suspiro de satisfacción.) ¡Sabíao! Sabía que todo era mentira, que este estúpido conto era unha mentira. (Mete de novo a cartilla no caixón. Cando o está a facer, mira e colle outra.) Outra cartilla, privada, ¡pechada! (Intenta abrila mais non pode. Ve o abrecartas na escribanía e corta a cuberta da cartilla. Empeza a ollar a primeira.) "'Sra. Erlynne: 600 libras; Sra. Erlynne: 700 libras; Sra. Erlynne: 400 libras" ¡Oh meu Deus! ¡É verdade, é verdade! ¡Que horror! (Cáelle a cartilla ó chan.) (Entra lord Windermere polo fondo)

LORD WINDERMERE.- Ben, querida, ¿xa trouxeron o abano? (Vai cara á dereita e ve a cartilla.) Margaret, rompiches a miña cartilla do banco. Non tes dereito a facer unha cousa así.

LADY WINDERMERE.- Pensas que está mal que o descubrise, ¿verdade?

LORD WINDERMERE.- Creo que está mal que unha muller espíe ó seu marido.

LADY WINDERMERE.- Eu non te espío. Nunca souben da existencia desta muller ata hai unha hora. ¡Alguén a quen lle daba mágoa foi moi amable de dicirme o que todo Londres xa sabe! ¡As túas visitas diarias á rúa Cruzon, o teu tolo capricho, a monstruosa cantidade de cartos que malgastas nesa infame muller! (Indo cara á esquerda.)

LORD WINDERMERE.- ¡Margaret! ¡Non fales así da Sra. Erlynne! ¡non sabes o inxusto que é!

LADY WINDERMERE.- (Volvéndose a el.) Preocúpaste polo honor da Sra. Erlynne. Oxalá te preocupases polo meu.

LORD WINDERMERE.- O teu honor é intocable, Margaret. Non penses por un momento que... (Pon de novo a cartilla na escribanía)

LADY WINDERMERE.- Creo que estás a malgastar os cartos. Simplemente é iso. Oh, non penses que me importan os cartos. Polo que a min respecta, podes malgastar todo o que temos. Mais o que de verdade me importa é que ti, que me quixeches, pases do amor que se dá ó amor que se merca. ¡Oh, é horrible! (Senta no sofá.) ¡E son eu a que me sinto ofendida! Ti non sentes nada. Síntome luxada, completamente luxada. Non te podes dar de conta do horrible que me parecen agora estes últimos seis meses. A miña memoria está contaminada con cada bico que me deches.

LORD WINDERMERE.- (Indo cara a ela.) Non digas iso, Margaret. Ti es a única muller que amo neste mundo.

LADY WINDERMERE.- (Érguese.) Entón, ¿quen é esa muller? ¿Por que lle mercas unha casa?

LORD WINDERMERE.- Eu non lle merquei ningunha casa.

LADY WINDERMERE.- Décheslle os cartos para facelo, que é o mesmo.

LORD WINDERMERE.- Margaret, polo que coñezo a señora Erlynne...

LADY WINDERMERE.- ¿Hai unha señor Erlynne ou é un mito?

LORD WINDERMERE.- O seu marido morreu hai moitos anos. Ela non ten a ninguén.

LADY WINDERMERE.- ¿Ningunha amizade? (Unha pausa.)

LORD WINDERMERE.- Ningunha.

LADY WINDERMERE.- Bastante curioso, ¿non si?

LORD WINDERMERE.- (Na esquerda ó fondo.) Margaret, estábache a dicir e pídoche que me escoites, que polo que coñezo a señora Erlynne, ela portouse moi ben. Se hai anos...

LADY WINDERMERE.- ¡Oh! (Indo cara á dereita.) ¡Non quero que me deas detalles da súa vida!

LORD WINDERMERE.- (No fondo.) Non che vou dar detalles da súa vida. Estouche dicindo simplemente iso. A señora Erlynne foi hai tempo honrada, querida e respectada. Ela naceu dunha boa familia, tiña unha boa situación económica, mais perdeu todo, malgastouno se o queres chamar así. Iso fai todo un pouco máis triste. Un pode atura-las desgracias que veñen de fóra, que son accidentais, que non se poden evitar. Mais sufrir polos erros dun, ¡ah! Iso é o importante da vida. Foi hai vinte anos, tamén. Daquela ela non era máis que unha nena. Ela xa levaba como esposa incluso menos tempo do que ti levas agora.

LADY WINDERMERE.- Ela non me interesa e non deberías falar dela e de min ó mesmo tempo. É de mal gusto. (Sentando na escribanía da dereita.)

LORD WINDERMERE.- Margaret, ti podes salvar a esa muller. Ela quere volver a estar na sociedade e que ti lle axudes. (Achegándose a ela.)

LADY WINDERMERE.- ¿Eu?

LORD WINDERMERE.- Si, ti..

LADY WINDERMERE.- ¡Mais que impertinencia é esa! (Unha pausa.)

LORD WINDERMERE.- Margaret, vin para pedirche un gran favor e pídocho, aínda que descubriches o que eu quería que nunca soubeses, que lle dei á señora Erlynne unha gran cantidade de cartos. Quero que lle mandes unha invitación para que veña á nosa festa esta noite. (De pé á esquerda dela.)

LADY WINDERMERE.- ¡Ti toleas! (Érguese.)

LORD WINDERMERE.- Suplícocho. A xente pode falar dela, por suposto que falan dela, mais non saben nada dela. Ela ten estado en varias casas, non nas casas onde ti irías, debo recoñecer, mais si onde vai a xente que pertence ó que se chama sociedade hoxe en día. Mais ela non se conforma con iso. Ela quere que ti a recibas unha vez.

LADY WINDERMERE.- ¿Como un triunfo para ela, supoño?

LORD WINDERMERE.- Non, porque ela sabe que es unha muller boa, e se vén aquí unha vez, terá a oportunidade dunha vida máis feliz e asegurada da que nunca tivo. Ela non fará ningún esforzo máis para coñecerte. ¿Non axudarías a unha muller que intenta volver a integrarse?

LADY WINDERMERE.- ¡Non! Se realmente unha muller se arrepinte, nunca desexaría volver á sociedade que a fixo ou a viu arruinarse.

LORD WINDERMERE.- Suplícocho.

LADY WINDERMERE.- (Indo cara á porta da dereita.) Voume preparar para a cea, e non volvas mencionar este asunto esta tarde. Arthur (achegándose a el no fondo), cres que como non teño pai nin nai e estou soa no mundo podes tratarme como che pete. Pois trabúcaste. Teño amigos, moitos amigos.

LORD WINDERMERE.- (No fondo á esquerda.) Margaret, non sabes o que dis. Non discutirei contigo, mais insisto en que convides esta noite á señora Erlynne.

LADY WINDERMERE.- (No fondo á dereita.) Non farei tal cousa. (Indo cara á esquerda.)

LORD WINDERMERE.- ¿Négaste?

LADY WINDERMERE.- ¡Por suposto!

LORD WINDERMERE.- Ah, Margaret, faino por min. Dálle unha derradeira oportunidade.

LADY WINDERMERE.- ¿Que ten que ver comigo?

LORD WINDERMERE.- ¡Que duras sodes as mulleres!

LADY WINDERMERE.- ¡E que malos sodes os homes!

LORD WINDERMERE.- Margaret, ningún home pode ser bo dabondo coa muller coa que casou, é verdade. Mais non imaxinarás que eu algunha vez ...¡meu Deus, a suxestión é horrible!

LADY WINDERMERE.- ¿Por que deberías ser ti diferente dos outros homes? Dixéronme que non hai nin un home en Londres que non gaste a súa vida nalgunhas paixóns vergoñentas.

LORD WINDERMERE.- Eu non son así.

LADY WINDERMERE.- ¡Seguro que non!

LORD WINDERMERE.- Ti estás segura no teu corazón. Mais non abras un abismo entre nó-los dous. Ben sabe Deus que estes últimos minutos xa nos afastaron dabondo. Senta e escribe a tarxeta.

LADY WINDERMERE.- Non o farei por nada neste mundo.

LORD WINDERMERE.- (Indo cara a escribanía.) ¡Entón fareino eu! (Toca a campaíña, senta e escribe a invitación.)

LADY WINDERMERE.- ¿Vas convidar a esa muller? (Achegándose a el.)

LORD WINDERMERE.- Si. (Pausa. Entra PARKER.) ¡Parker!

PARKER.- ¿Si, señor? (Vai onde está Windermere.)

LORD WINDERMERE.- Envíalle esta nota á señora Erlynne, ó número. 84A de Curzon Street. (Dálle a invitación a PARKER.) ¡Non hai resposta!

(Sae PARKER.)

LADY WINDERMERE.- Arthur, se esa muller vén, avergoñareina.

LORD WINDERMERE.- Margaret, non digas iso.

LADY WINDERMERE.- Fareino.

LORD WINDERMERE.- Querida, se fas tal cousa, non haberá muller en Londres que te compadeza.

LADY WINDERMERE.- Non hai ningunha muller boa en Londres que me eloxie. Fomos moi pouco estritos. Debemos darlle un bo escarmento. Propoño empezar esta noite. (Collendo o abano.) Si, déchesme hoxe este abano, foi o teu agasallo de aniversario. Se esa muller cruza a miña soleira, crúzolle a cara con el.

LORD WINDERMERE.- Margaret, non farías unha cousa así.

LADY WINDERMERE.- ¡Ti non me coñeces! (Móvese cara á dereita.)

(Entra PARKER.)

¡Parker!

PARKER.- ¿Si, señora?

LADY WINDERMERE.- Cearei no meu cuarto. De feito, non quero cear. Procure que todo estea listo para as dez e media. E, Parker, asegúrese de pronunciar os nomes dos convidados claramente esta noite. Ás veces fala tan rápido que me perdo. Quero escoitar os nomes con moita claridade, para non cometer erros. ¿Entende Parker?

PARKER.- Si, señora.

LADY WINDERMERE.- ¡Así se fará! (Sae PARKER.) (Falándolle a LORD WINDERMERE.) Arthur, se esa muller vén, ¡advírtocho!

LORD WINDERMERE.- Margaret, ¡arruinarasnos!

LADY WINDERMERE.- ¿A nós? Dende este momento a miña vida está separada da túa. Mais se queres evitar un escándalo público, escríbelle agora mesmo a esa muller e dille que lle prohibo vir aquí.

LORD WINDERMERE.- Non o farei, non podo. ¡Ela debe vir!

LADY WINDERMERE.- Entón, farei exactamente o que dixen. (Vai cara á dereita.) Non me deixas outra opción. (Sae pola dereita.)

LORD WINDERMERE.- (Indo tras dela.) ¡Margaret! ¡Margaret! (Unha pausa.) ¡Meu Deus! ¿Que podo facer? Non me atrevo a dicirlle quen é esa muller. A vergoña mataríaa. (Séntase na cadeira e enterra a cabeza nas mans.)

CAE O PANO

ACTO SEGUNDO

Salón da casa de Lord Windermere. Porta á dereita que conduce á sala de baile, onde a banda está a tocar. Porta á esquerda por onde entran os convidados. Porta esquerda ó fondo que dá a unha terraza iluminada. Palmeiras, flores e luces brillantes. Estancia ateigada de xente. Lady Windermere está recibindo os convidados.

DUQUESA DE BERWICK.- (Entrando polo fondo.) Élle ben raro que Lord Windermere non estea aquí. O Sr. Hopper chega tarde tamén. ¿Gardaches eses cinco bailes para el, Agatha? (Vai cara a diante do escenario.)

LADY AGATHA.- Si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- (Sentando no sofá.) Déixame ver a túa invitación. Estou tan contenta de que grazas a Lady Windermere volvan a pórse de moda as tarxetas. Son a única garantía dunha nai. ¡Esta cousiña! (Risca dous nomes.) Ningunha moza tan fermosa debería bailar un valse especialmente con eses mozos! ¡Semella tan rápido! Deberías bota-los dous últimos bailes na terraza co Sr. Hopper.

(Entra o SR. DUMBY e LADY PLYMDALE da sala de baile.)

LADY AGATHA.- Si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- (Abanándose.) Vai un aire máis bo aquí.

PARKER.- Sra. Cowper-Cowper. Lady Stutfield. Sir James Royston. O Sr. Guy Berkeley.

(Esta xente vai entrando segundo é nomeada.)

DUMBY.- Boas noites, lady Stutfield. ¿Supoño que este será o derradeiro baile desta tempada?

LADY STUTFIELD.- Pois creo que si, Sr. Dumby. Foi unha tempada preciosa, ¿non si?

DUMBY.- ¡Bastante encantadora! Boas noites, duquesa. Supoño que este será o derradeiro baile da tempada?

DUQUESA DE BERWICK.- Supoño que si, Sr. Dumby. Foi unha tempada moi aburrida, ¿non si?

DUMBY.- ¡Aburridísima! ¡Aburridísima!

SR. COWPER-COWPER.- Boas noites, Sr. Dumby. ¿Supoño que este será o derradeiro baile da tempada?

DUMBY.- Oh, non o creo. Probablemente haberá dous máis. (Volvéndose cara a lady Plymdale.)

PARKER.- Sr. Rufford. Lady Jedburgh e a señorita Graham. O sr. Hopper.

(Esta xente vai entrando segundo é nomeada.)

HOPPER.-- ¿Que tal, lady Windermere? ¿Que tal, duquesa? (Faille unha reverencia a LADY AGATHA.)

DUQUESA DE BERWICK.- Querido Sr. Hopper, que ben que viñese tan pronto. Todos sabemos o solicitado que está vostede en Londres.

HOPPER.- ¡Londres, un lugar estupendo! En Londres non son nin con moito tan selectos como en Sidney.

DUQUESA DE BERWICK.- ¡Ah! Todos sabemos o que vale, Sr. Hopper. Oxalá houbese máis coma vostede. A vida sería máis doada. Sabe, Sr. Hopper, á querida Agatha e a min interésanos moito Australia. Debe ser tan fermoso con todos ese pequenos canguros ó redor. Agatha atopouna no mapa. ¡Que forma máis curiosa ten! Coma un paquete grande. emporiso, é un país moi novo, ¿non si?

HOPPER.- ¿Non foi feito ó mesmo tempo cós outros, duquesa?

DUQUESA DE BERWICK.- Que intelixente é vostede, Sr. Hopper. Ten a intelixencia propia de vostede. Agora, non debo entretelo.

HOPPER.- Mais gustaríame bailar con Lady Agatha, duquesa.

DUQUESA DE BERWICK.- Ben, creo que lle queda un baile. ¿Quédache aínda un baile, Agatha?

LADY AGATHA.- Si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- ¿O seguinte?

LADY AGATHA.- Si, mamá.

HOPPER.- ¿Concédeme este baile? (LADY AGATHA fai unha reverencia.)

DUQUESA DE BERWICK.- Asegúrese de que coida ben da miña pequena, Sr. Hopper.

(LADY AGATHA e o SR. HOPPER van á sala de baile. Entra LORD WINDEREMERE.)

LORD WINDERMERE.- Margaret, quero falar contigo.

LADY WINDERMERE.- Un momento (Baixa o son da música.)

PARKER.- Lord Augustus Lorton.

(Entra LORD AUGUSTUS.)

LORD AUGUSTUS.- Boas noites, lady Windermere.

DUQUESA DE BERWICK.- Sir James, ¿acompáñame á sala de baile? Augustus estivo ceando connosco esta noite. A verdade é que xa tiven abondo do querido Augustus polo de agora. (O Sr. James Royston ofrécelle o brazo á duquesa e acompáñaa ata o salón de baile.)

PARKER.- Sr. e a Sra. Arthur Bowden. Lord e Lady Paisley. Lord Darlington.

(Esta xente vai entrando segundo sé nomeada.)

LORD AUGUSTUS.- (Achegándose a lord Windermere.) Quero falar con vostede especialmente, querido amigo. Estou esgotado, aínda que non o pareza. Ningún home aparenta o que realmente é. ¡Raios! O que quero saber é isto. ¿Quen é ela? ¿De onde vén? ¿Por que non tivo ningunha maldita relación? ¡Vaia fastío, as relacións! Mais fan a un tan malditamente respectable.

LORD WINDERMERE.- Supoño que está a falar da Sra. Erlynne. Coñecina hai só seis meses. Ata entón, non soubera da súa existencia.

LORD AUGUSTUS.- E dende entón vea decote.

LORD WINDERMERE.- (Friamente.) Si, vina moi a miúdo dende entón. Hai pouco que a vin.

LORD AUGUSTUS.- ¡Vaites! As mulleres non a poden ver. Estiven ceando con Arabella esta noite. ¡Meu Deus! Debería oír o que dixo da Sra. Erlynne. Deixouna en coiros. (Aparte.) Berwick e mais eu dixémoslle que non importaba moito, xa que a persoa en cuestión debe ter un corpo delgado. Debería ve-la cara de Arabella. Mais, mira, querido amigo. ¡Non sei que facer coa Sra. Erlynne, Egad! Debería terme casado con ela. Trátame con indiferencia. Iso si, é condenadamente lista. Xustifica todo. ¡Egad! A vostede tamén. Ten moitas explicacións para vostede, e todas moi diferentes.

LORD WINDERMERE.- Non necesito ningunha explicación para a amizade que me une á Sra. Erlynne.

LORD AUGUSTUS.- ¡Ah! Mire, querido compañeiro. ¿Vostede pensa que ela entrará nesta maldita cousa chamada sociedade? ¿Presentaríalla á súa muller? Non ande con rodeos, ¿faría iso?

LORD WINDERMERE.- A señora Erlynne vén esta noite.

LORD AUGUSTUS.- ¿A súa muller mandoulle unha invitación?

LORD WINDERMERE.- A señora Erlynne recibiu unha invitación.

LORD AUGUSTUS.- Entón, todo está ben, meu querido amigo. Mais, ¿por que non mo dixo antes? ¡Teríame aforrado un montón de preocupacións e malditos malentendidos!

(Pasan LADY AGATHA e SR. HOPPER e saen á terraza.)

PARKER.-¡Sr. Cecil Graham!

(Entra o SR. CECIL GRAHAM.)

CECIL GRAHAM.- (Faille unha reverencia a Lady Windermere, pasa por diante e dálle a man a lord Windermere.) Boas noites, Arthur. ¿Por que non pregunta como estou? Gústame que a xente me pregunte como estou. Demostra interese xeneralizado pola miña saúde. Pois ben, esta noite non me atopo moi ben. Estiven ceando coa miña xente. Pregúntome por qué a xente dun é sempre tan aburrida. O meu pai falaría de moralidade despois da cea. Díxenlle que era o suficientemente vello para saber máis cousas. Mais a miña experiencia dime que tan pronto como a xente é o suficientemente vella para saber máis cousas, non saben absolutamente nada. ¡Ola Tuppy! Oín que ía casar de novo; pensara que xa estaba farto dese xogo.

LORD AUGUSTUS.-¡É extremadamente superficial, querido amigo, moi superficial!

CECIL GRAHAM.- A propósito, Tuppy, ¿como foi? Estivo casado dúas veces e divorciado unha ou dúas veces divorciado e unha casado? Diría dúas veces divorciado e unha casado. Semella o máis probable.

LORD AUGUSTUS.- Teño moi mala memoria. De feito, non recordo como foi. (Vaise cara á dereita.)

LADY PLYMDALE. Lord Windermere, téñolle que preguntar unha cousa moi importante.

LORD WINDERMERE.- Síntoo, mais se me desculpan, debo ir onda a miña muller

LADY PLYMDALE. Oh, nin se lle ocorra. Hoxe en día é o máis perigoso para un marido prestarlle atención á súa muller en público. Iso sempre fai que a xente pense que el bate nela cando están sos. O mundo volveuse moi desconfiado para o que semella ter unha vida feliz de casados. Mais direille o que hai de cear. (Vai cara á porta do salón de baile.)

LORD WINDERMERE.- (Ó fondo.) ¡Margaret! Teño que falar contigo.

LADY WINDERMERE.- ¿Podería coller o abano, Lord Darlington? Grazas. (Achégase a el.)

LORD WINDERMERE.- (Achegándose a ela.) Margaret, ¿o que dixeches antes da cea era, por suposto, imposible?

LADY WINDERMERE.- Esa muller non virá aquí esta noite.

LORD WINDERMERE.- (No fondo á dereita.) A señora Erlynne virá e se ti a anoxas dalgún xeito ou a humillas, traerás vergoña e mágoa para nó-los dous. ¡Recórdao! ¡Ah, Margaret! ¡Confía en min! ¡Unha muller debería confiar no seu marido!

LADY WINDERMERE.- (No fondo.) Londres está cheo de mulleres que confían nos seus maridos. Recoñécense sempre. Semellan completamente infelices. Non vou ser unha delas. (Érguese.) Lord Darlington, ¿pode devolverme o abano, por favor? Grazas. Unha cousa moi útil, o abano, ¿non si? Quero un amigo esta noite, Lord Darlington. Non sabía que querería un tan pronto.

LORD DARLINGTON.- ¡Lady Windermere! Sabía que este momento chegaría algún día e, ¿por que non hoxe?

LORD WINDERMERE.- Direillo. Debo facelo. Sería horrible se lle montase unha escena. ¡Margaret...!

PARKER.- ¡A Sra. Erlynne!

(LORD WINDERMERE sobresáltase. A SRA. ERLYNNE entra, fermosa e elegantemente vestida. LADY WINDERMERE intenta coller o abano con forza e cáelle ó chan. Fai friamente unha reverencia á SRA. ERLYNNE, quen lle devolve o saúdo docemente e entra no cuarto.)

LORD DARLINGTON.- Caeulle o abano, Lady Windermere. (Recólleo e dállo.)

SRA. ERLYNNE.- (No fondo.) ¿Como está de novo, Lord Windermere? ¡Que encantadora semella a súa muller! ¡Fermosísima!

LORD WINDERMERE.- (En voz baixa.) ¡Foi moi imprudente pola súa parte vir!

SRA. ERLYNNE.- (Sorrindo.) A cousa máis sabia que fixen na miña vida. E, a propósito, debe prestarme moita atención esta noite. Teño medo das mulleres. Ten que presentarme a algunha delas. Cos homes sempre me podo apañar. ¿Que tal, Lord Augustus? Ultimamente estame a rexeitar. Non o vin dende onte. Creo que é infiel. Díxomo todo o mundo.

LORD AUGUSTUS.- (Na dereita.) Agora, en serio, Sra. Erlynne, déixeme explicarlle.

SRA. ERLYNNE.- (No fondo á dereita.) Non, querido Lord Augustus, non pode explicar nada. É o seu principal encanto.

LORD AUGUSTUS.- ¡Ah! Se vostede atopa encanto en min, Sra. Erlynne.

(Falan entre eles. LORD WINDERMERE anda inquedo pola estancia ollando para a SRA. ERLYNNE.)

LORD DARLINGTON.- (A LADY WINDERMERE.) ¡Que pálida está!

LADY WINDERMERE.- ¡Os covardes sempre están pálidos!

LORD DARLINGTON.- Ten mala cara. Veña, saia á terraza.

LADY WINDERMERE.- Si . (A PARKER.) Parker, que me traian o manto fóra.

SRA. ERLYNNE.- (Achegándose a ela.) Lady Windermere, ¡que ben iluminada está a súa terraza! Recórdame a casa do príncipe Doria, en Roma.

(Lady Windermere fai friamente unha reverencia e sae con Lord Darlington.)

Oh, ¿como está, Sr. Graham? ¿Non é esta a súa tía, Lady Jedburgh? Gustaríame moito coñecela.

CECIL GRAHAM.- (Despois dun momento de dúbida e vergoña.) Ben, se realmente o desexa. Tía Caroline, permítame presentarlle a Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Encantada de coñecela, Lady Jedburgh. (Senta a carón dela no sofá.) O seu sobriño e mais eu somos moi amigos. Interésame moito a súa carreira política. Creo que el está seguro de que terá un grande éxito. Pensa igual ca un Tory e fala coma un radical, e iso é moi importante nestes tempos. É un gran conversador tamén. Mais todos sabemos de onde lle vén iso. Lord Allandale dicíame onte, no parque, que o Sr. Graham fala case tan ben coma a súa tía.

LADY JEDBURGH. (Na dereita.) ¡Moi amable pola súa parte o dicirme todas esas cousas tan encantadoras! (SRA. ERLYNNE sorrí e continúa a falar.)

DUMBY.- (A Cecil Grhaham.) ¿Presentoulle a Sra. Erlynne á Lady Jedburgh?

CECIL GRAHAM.- Si, querido. ¡Non puiden evitalo! Esa muller pode facer que un faga todo o que ela queira. Ben, non sei.

DUMBY.- ¡Polo amor de Deus, que non me veña falar! (Achégase a LADY PLYMDALE.)

SRA. ERLYNNE.- (No fondo a LADY JEDBURGH.) ¿O xoves? Un pracer. (Érguese e fala con LORD WINDERMERE, sorrindo.) ¡Que aburrido é terse que comportar dun xeito cívico diante desas vellas viúvas! ¡Mais elas sempre insisten!

LADY PLYMDALE.- (Ó SR. DUMBY.) ¿Quen é esa muller tan ben vestida que fala con Windermere?

DUMBY.- ¡Non teño nin idea! Semella unha edición de luxo dunha mala novela francesa, quero dicir, especialmente para o mercado inglés.

SRA. ERLYNNE.- ¿Así que é o pobre Dumby con Lady Plymdale? Teño oído que ela é moi celosa. El non semella moi ansioso por me falar esta noite. Penso que lle ten medo. Esas mulleres tinxidas de louro teñen moito temperamento. Sabe, creo que bailarei con vostede primeiro, Windermere. (LORD WINDERMERE morde o beizo e engurra o cello.) ¡Isto daralle celos a Lord Augustus! (LORD AUGUSTUS aparece.) Lord Windermere insiste en que baile con el primeiro e esta é a súa casa, así que non podo dicir que non. De contado estarei bailando con vostede.

LORD AUGUSTUS.- (Facendo unha pequena reverencia.) Oxalá pensase iso, Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Sábeo moi ben. Podo imaxinar que unha persoa baile con vostede durante toda a vida e atopalo estupendo.

LORD AUGUSTUS.- (Colocando a man no chaleco branco.) Oh, grazas, grazas. É a muller máis adorable do mundo.

SRA. ERLYNNE.- ¡Que bonito discurso! ¡Tan sinxelo e sincero! Xusto como a min me gusta. Ben, colla o meu ramo. (Vai cara á sala de baile do brazo de Lord Windermere.) Ah, Sr. Dumby, ¿como está? Sinto moito non estar na casa as tres últimas veces que pasou por alí. Veña xantar o venres.

DUMBY.- (Con total despreocupación.) ¡Encantado!

(LADY PLYMDALE olla con indignación ó SR. DUMBY. LORD AUGUSTUS vai coa SRA. ERLYNNE e con LORD WINDERMERE á sala de baile co ramo na man.)

LADY PLYMDALE. (Ó SR. DUMBY.) ¡Que hipócrita é! Non podo crer nada do que dixo. ¿Por que non me dixo que a coñecía? ¿Que é iso de ir a súa casa tres veces? Non irá xantar alí, ¿non si?

DUMBY.- Miña querida Laura, nin en soños iría.

LADY PLYMDALE.- ¡Aínda non me dixo como se chama! ¿Quen é ela?

DUMBY.- (Tuse lixeiramente e pasa a man suavemente polo pelo.) É a señora Erlynne.

LADY PLYMDALE.- ¡Esa muller!

DUMBY.- Si, así é como lle chama todo o mundo.

LADY PLYMDALE.- ¡Que interesante! ¡Verdadeiramente interesante! Teño que vela ben. (Vai á sala de baile e mira.) Dixéronme dela as cousas máis abraiantes do mundo. Din que está arruinando ó pobre Windermere. E Lady Windermere, que é partidaria de facer o correcto, vai e convídaa. ¡que graza! Só unha muller verdadeiramente boa pode facer unha cousa semellante. ¡E vostede vai xantar alí o venres!

DUMBY.- ¿Por que?

LADY PLYMDALE.- Porque quero que leve o meu marido con vostede. Ultimamente está tan atento que xa empeza a ser un completo estorbo. Creo que esa muller é a única cousa boa para el. El estará pendente dela sempre que ela queira e non me molestará. Asegúrollo, as mulleres desa clase son moi útiles. Son a base dos matrimonios doutra xente.

DUMBY.- ¡Que rara é vostede!

LADY PLYMDALE.- (Mirándoo.) ¡Oxalá o fose vostede!

DUMBY.- Sono, para min. Son a única persoa do mundo que me gustaría coñecer ben, mais neste momento non vexo a oportunidade de facelo.

(Van á sala de baile e LADY WINDERMERE e LORD DARLINGTON entra da terraza.)

LADY WINDERMERE.- Si, vir aquí foi un descaro, imperdoable. Agora sei o que significaba hoxe a hora do té. ¿Por que non mo dixo directamente? ¡Debería telo feito!

LORD DARLINGTON.- ¡Non puiden! ¡Un home non pode dicir esas cousas doutro home! Mais se chego a saber que lle ía pedir que a convidase esta noite, diríallo. Polo menos, aforraría a vergoña.

LADY WINDERMERE.- Eu non a convidei. El insistiu en que viñese, en contra das miñas súplicas, das miñas peticións. ¡Oh! A casa xa está deshonrada para min. Sinto que todas a mulleres fan mofa de min cando bailan co meu marido. ¿Que fixen para merecer isto? Deille toda a miña vida. Colleuna, usouna e ¡tirouna! Fun humillada diante dos meus ollos e fáltame coraxe. ¡Son unha covarde! (Senta no sofá.)

LORD DARLINGTON.- Como a coñezo ben, sei que non pode vivir cun home que a trate así. ¿Que clase de vida tería con el? Pensaría que el lle mentiría todo o día. Pensaría que a mirada é falsa, a voz falsa, o tacto falso, a paixón falsa. Viría onda vostede cando cansase das outras. Vostede tería que conquistalo. Tería que ser a máscara da súa vida real, o manto que esconde o seu segredo.

LADY WINDERMERE.- Ten razón. Está completamente no certo. ¿En que debo cambiar? Vostede dixo que era o meu amigo, Lord Darlington. Dígame, ¿que debo facer? Sexa agora o meu amigo.

LORD DARLINGTON.- Entre homes e mulleres non hai amizade posible. Hai paixón, inimizade, admiración, amor, mais non amizade. Quéroa.

LADY WINDERMERE.- ¡Oh, non! (Érguese.)

LORD DARLINGTON.- Si, ¡quéroa! Para min é o máis importante do mundo. ¿Que lle deu o seu marido? Nada. Todo o que ten, deullo a esa mala muller, á que meteu na sociedade, na súa casa para avergoñala diante de todos. Ofrézolle a miña vida.

LADY WINDERMERE.- ¡Lord Darlington!

LORD DARLINGTON.- A miña vida, toda a miña vida. Cóllaa e faga con ela o que queira. Quéroa, como nunca quixen a ninguén. Dende o momento que a coñecín, quéroa con adoración, cega e tolamente. Deixe esta casa esta noite. Non lle diría que o mundo non importa nada, ou a voz do mundo ou a voz da sociedade. Importan moito. Moitísimo. Mais hai momentos onde un debe escoller entre vivir a súa propia vida ó completo, plenamente ou levar unha existencia falsa, frívola e degradante que o mundo na súa hipocrisía nos esixe. É o seu momento. ¡Escolla! Oh, meu amor, escolla.

LADY WINDERMERE.- (Afastándose lentamente del e mirándoo sorprendida.) Non teño coraxe.

LORD DARLINGTON.- (Seguíndoa.) Si, si que o ten. Poden ser seis meses de sufrimento, mesmo de desgracia, mais cando non poida leva-lo seu nome, cando leve o meu, todo irá ben. Margaret, querida, algún día miña muller. Si, ¡miña muller! ¡Sábeo! ¿Que é agora? Esa muller ten a casa que lle corresponde por dereito. ¡Oh! Vise, vaise da casa, coa testa ben ergueita, cun sorriso de par en par, con coraxe nos ollos. Todo Londres saberá por qué o fixo e ¿quen a vai culpar? Ninguén. E se o fan, ¿que importa? ¿Mal? ¿Que está mal? Está mal que un home abandone a súa muller por outra sen vergonza. Está mal que unha muller permaneza co seu marido que a deshonra. Dixo que vostede nunca se comprometía. Non o faga agora. ¡Sexa valente! ¡Sexa vostede mesma!

LADY WINDERMERE.- Teño medo de ser eu mesma. ¡Déixeme pensar! ¡Déixeme agardar! O meu marido pode volver onda min. (Senta no sofá.)

LORD DARLINGTON.- E vostede permitiría que volvese. Non é quen pensaba que era. É igual ca tódalas mulleres. Preferiría aturar calquera cousa que plantarlle cara á censura do mundo, do que vostede desprezaría os eloxios. Nunha semana irá con esa muller ó parque. Será a súa asidua convidada, a súa mellor amiga. Aturaría calquera cousa antes de romper dun golpe esa relación. Ten razón. ¡Non ten coraxe ningunha!

LADY WINDERMERE.- Ah, déame tempo para pensar. Non podo contestarlle agora. (Pasa a man nerviosamente pola fronte.)

LORD DARLINGTON.- Ten que ser agora ou nunca.

LADY WINDERMERE.- (Erguéndose do sofá.) Entón, ¡nunca! (Unha pausa.)

LORD DARLINGTON.- ¡Rompeume o corazón!

LADY WINDERMERE.- O meu xa está roto. (Unha pausa.)

LORD DARLINGTON.- Mañá deixo Inglaterra. Esta é a última vez que a verei. Nunca me volverá ver. Por un momento as nosas vidas encontráronse, as nosas almas tocáronse. Nunca se encontrarán ou se tocarán máis. Adeus Margaret. (Sae.)

LADY WINDERMERE.- ¡Que soa estou no mundo! ¡Completamente soa!

(A música cesa. Entra a duquesa de Berwick e Lord Paisley rindo e falando. Outros convidados saen da sala de baile.)

DUQUESA DE BERWICK. Querida Margaret, acabo de ter unha pequena e agradable charla coa Sra. Erlynne. Sinto o que dixen dela esta tarde. Por suposto, ela debe ser boa para que vostede a convide. Unha muller moi atractiva e que ten unha opinión da vida moi sensata. Díxome que non estaba de acordo con que a xente casase máis dunha vez, así que síntome bastante segura polo pobre Augustus. Non se imaxina como fala a xente dela. Esas dúas miñas sobriñas, as rapazas de Saville, sempre están a falar mal dos outros. Aínda debería ir a Homburg, querida. De verdade. Ela é demasiado atractiva. Mais, ¿onde está Agatha? Oh, vela aí. (LADY AGATHA e o SR. HOPPER entran da terraza.) Sr. Hopper, estou máis que anoxada con vostede. Levou a Agatha á terraza e ela é tan delicada.

HOPPER.- Síntoo duquesa. Saímos por un momento e estivemos a falar.

DUQUESA DE BERWICK.- (No fondo.) Ah, de Australia, supoño.

HOPPER.- ¡Si!

DUQUESA DE BERWICK.- Agatha, ¡querida! (Faille un aceno.)

LADY AGATHA.- ¿Si, mamá?

DUQUESA DE BERWICK.- (Aparte.) ¿O señor Hopper preguntouche finalmente...?

LADY AGATHA.- Si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- ¿E que resposta lle deches, miña filla?

LADY AGATHA.- Que si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- (Con cariño.) ¡Miña rula! Sempre fas o correcto. ¡Sr. Hopper! ¡James! Agatha contoume todo. Que listos son agochando o segredo.

HOPPER.- ¿Entón, non lle importa que leve a Agatha a Australia, duquesa?

DUQUESA DE BERWICK.- (Indignada.) ¿A Australia? Oh, non nomee ese horrible e vulgar lugar.

HOPPER.- Mais ela dixo que lle gustaría vir comigo.

DUQUESA DE BERWICK.- (Gravemente.) ¿Dixeches tal, Agatha?

LADY AGATHA.- Si, mamá.

DUQUESA DE BERWICK.- Agatha, tes cada cousa. En realidade, creo que Grosvenor Square sería un lugar moito máis saudable para vivir. Hai moita xente vulgar que vive en Grosvenor Square, mais de ningún xeito hai canguros horrorosos ó redor. Mais diso falaremos mañá. James, pode ir baixando con Agatha. Por suposto, veña xantar mañá. Á unha e media no canto das dúas. Seguro que o duque quererá dicirlle unhas palabras.

HOPPER.- Gustaríame ter unha conversa co duque, duquesa. Aínda non me dixo nin unha palabra.

DUQUESA DE BERWICK.- Xa verá como terá moitas cousas que dicirlle mañá. (Sae LADY AGATHA co Sr. HOPPER.) E agora, boas noites, Margaret. Creo que é a vella historia de sempre, querida. Amor, ben, non amor a primeira vista, mais amor a finais da tempada que é máis satisfactorio.

LADY WINDERMERE.- Boas noites, duquesa.

(Sae a DUQUESA DE BERWICK do brazo de LORD PAISLEY.)

LADY PLYMDALE.- Miña querida Margaret, ¡con que muller máis fermosa estivo bailando o seu marido! Se fose vostede, estaría a rabiar cos celos. ¿É unha boa amiga vosa?

LADY WINDERMERE.- ¡Non!

LADY PLYMDALE. ¿En serio? Boas noites, querida. (Olla para O SR. DUMBY e sae.)

DUMBY.- ¡Que malos modais ten Hopper!

CECIL GRAHAM.- ¡Ah! Hopper é un dos home da Natureza, o peor tipo de home que coñezo.

DUMBY.- Unha muller sensata, lady Windermere. Moitas mulleres terían prohibido que viñese a Sra. Erlynne. Mais lady Windermere posúe o menos común dos sentidos que é o sentido común.

CECIL GRAHAM.- E Windermere sabe que nada semella tan inocente como a indiscreción.

DUMBY.- Si. A querida Windermere estase a volver bastante moderna. Nunca crin que o fixese. (Faille unha reverencia a LADY WINDERMERE e sae.)

LADY JEDBURGH.- Boas noites, lady Windermere. ¡A Sra. Erlynne é unha muller encantadora! Veña xantar o xoves, ¿virá vostede tamén? Agardo tamén ó bispo e a lady Merton.

LADY WINDERMERE.- Síntoo, mais estou ocupada, lady Jedburgh.

LADY JEDBURGH.- É unha mágoa. Vamos, querida. (Sae LADY JEDBRUGH e a Sra. GRAHAM.)

(Entra a SRA. ERLYNNE e LORD WINDERMERE.)

SRA. ERLYNNE.- ¡Un baile encantador! Lembroume os vellos tempos. (Senta no sofá.) E podo ver que hai tantos tolos na sociedade como acostumaba haber. Estou moi contenta de ver que nada mudou. Agás Margaret. Está feita unha muller. A última vez que a vira, hai vinte anos, era un espantallo. ¡A querida duquesa! ¡e a súa filla lady Agatha! Xusto o tipo de moza que me gusta. Ben, en realidade, Windermere, se vou ser a cuñada da duquesa.

LORD WINDERMERE.- (Sentado no lado esquerdo dela.) ¿Mais é vostede?

(Sae o SR. CECIL GRAHAM co resto dos convidados. LADY WINDERMERE observa cunha mirada de desprezo e mágoa a SRA. ERLYNNE e o seu home non se decatan da súa presenza.)

SRA. ERLYNNE.- ¡Oh, si! ¡El virá á miña casa mañá ás doce! Quería proporme matrimonio esta noite. De feito, fíxoo. Insistiu en facelo. Pobre Augustus, vostede sabe como se repite. ¡Que mal costume! Mais díxenlle que non lle daría unha resposta ata mañá. Por suposto que lle direi que si e atreveríame a dicir que serei unha esposa admirable, como ten que ser. E creo que Lord Augustus é un bo home. Afortunadamente isto é todo á primeira vista. Xusto onde deberían estar as boas calidades. Por suposto, ten que axudarme con este asunto.

LORD WINDERMERE.- Entón supoño que non lle podo dar aínda o parabén a lord Augustus.

SRA. ERLYNNE.- ¡Por suposto que non! Iso fágoo eu. Mais vostede asegurará a miña situación, Windermere, ¿non si?

LORD WINDERMERE.- (Engurrando o cello.) ¿Iso é do que quería falar comigo esta noite?

SRA. ERLYNNE. Si.

LORD WINDERMERE.- (Cun xesto de impaciencia.) Non falarei diso aquí.

SRA. ERLYNNE.- (Rindo.) Entón, falaremos na terraza. Mesmo os negocios deberían ter unha paisaxe pintoresca, ¿non si, Windermere? Cun fondo apropiado, as mulleres poden facer calquera cousa.

LORD WINDERMERE.- ¿E non sería mellor mañá?

SRA. ERLYNNE.- Non. Verá, mañá voulle dicir que si a Augustus. E creo que sería bo que lle puidese dicir que teño, ¿que podería dicir?, 2000 libras ó ano que me deixou un curmán terceiro ou un segundo marido ou algún deses familiares de lonxe. Sería un atractivo adicional, ¿verdade? Agora ten a mellor oportunidade de loarme, Windermere. Mais vostede non é moi hábil dicindo loanzas. Lamento que Margaret non fomentase en vostede ese bo costume. É un erro moi grande pola súa banda. Se os homes deixan de dicir o que é encantador, tamén deixan de pensalo. Mais, agora en serio, ¿que di das 2000 libras? 2500 libras, poñamos. Na vida moderna a marxe éo todo. Windermere, ¿non cre que o mundo é un lugar moi divertido? ¡Eu si!

(Sae da terraza con LORD WINDERMERE.- Empeza a soar música na sala de baile.)

LADY WINDERMERE.- Ficar máis nesta casa é imposible. Esta noite un home que me quere ofreceume a súa vida. Rexeiteina. Fun unha egoísta. Ofreceríalle a miña agora. Daríalla. ¡Irei onda el! (Pon a capa e vai cara á porta, logo volve. Senta na mesa e escribe unha carta, métea nun sobre e déixaa na mesa.) Arthur nunca me entendeu. Cando lea isto, farao. Terá que ver qué fai coa súa vida agora. Eu fixen coa miña o que creo que é mellor e o correcto. Foi el o que rompeu o matrimonio, non eu. Eu só acabei coa escravitude.

(Sae.)

(PARKER entra pola esquerda e vai cara á sala de baile. Entra a SRA. ERLYNNE.)

SRA. ERLYNNE.- ¿Está Lady Windermere na sala de baile?

PARKER.- A señora acaba de saír.

SRA. ERLYNNE.- ¿Saír? ¿Non está na terraza?

PARKER.- Non, señora. A señora acaba de saír da casa.

SRA. ERLYNNE.- (Érguese e olla para o servinte cunha expresión de perplexidade.) ¿Fóra?

PARKER.- Si, señora. A señora díxome que deixara unha carta na mesa para o señor.

SRA. ERLYNNE.- ¿Unha carta para lord Windermere?

PARKER.- Si, señora.

SRA. ERLYNNE.- Grazas.

(Sae PARKER.- A música para no salón de baile.) ¡Marchou da casa! ¡Unha carta para o seu marido! (Vai á escribanía e olla para carta. Cóllea e déixaa outra vez tremendo co medo.) ¡Non, non! ¡Sería imposible! ¡A vida non repite as súas desgracias así! Oh, ¿Como puido pasarme iso pola cabeza? ¿Por que teño que recordar agora o momento da miña vida que máis quero esquecer? ¿Repite a vida as súas desgrazas? (Abre a carta e lea, logo senta no sofá cun sentimento de angustia.) Oh, ¡é terrible! As mesmas palabras que hai vinte anos lle escribín ao seu pai! ¡E que cruelmente me castigaron por iso! Non, o meu castigo, o meu verdadeiro castigo é esta noite, agora. (Aínda sentada á dereita.)

(Entra LORD WINDERMERE L.U.E.)

LORD WINDERMERE.- ¿Despediuse da miña muller? (Vai cara ó fondo.)

SRA. ERLYNNE.- (Esmagando a carta nas mans.) Si.

LORD WINDERMERE.-¿Onde está?

SRA. ERLYNNE.- Está moi cansa. Foi á cama. Dixo que lle doía a cabeza.

LORD WINDERMERE.- Debo ir onda ela, perdóeme.

SRA. ERLYNNE.- (Erguéndose apresuradamente.) ¡Oh, non! Non é nada serio. Simplemente está moi cansa. Iso é todo. Ademais, aínda queda xente no comedor. Ela quere que se desculpe por ela. Dixo que non quería que a molestasen. (Cáelle a carta.) ¡Pediume que llo dixese!

LORD WINDERMERE.- (Colle a carta.) Caeulle algo.

SRA. ERLYNNE.- Ah, si, grazas, é meu. (Estende a man para collela.)

LORD WINDERMERE.- (Ollando para a carta.) Mais é a letra da miña muller, ¿non si?

SRA. ERLYNNE.- (Colle a carta rapidamente.) Si, é un... enderezo. ¿Pode pedir que chamen pola miña carruaxe?

LORD WINDERMERE.- Claro.

(Vai cara á esquerda e sae.)

SRA. ERLYNNE.- ¡Grazas! ¿Que podo facer? ¿Que podo facer? Sinto que se está a desatar en min unha ira que nunca na miña vida sentira. ¿Que pode significar? A filla non ten que ser coma a nai, iso sería terrible. ¿Como podo salvala? ¿Como podo salvar a miña filla? Un momento pode arruinar unha vida. Eu ben o sei mellor ca ninguén. Windermere tense que ir da casa. Iso é absolutamente necesario. (Vai cara á esquerda.) ¿Mais como o fago? Tense que facer dalgún xeito. ¡Ah!

(Entra LORD AUGUSTUS traendo un ramo de flores.)

LORD AUGUSTUS.- Querida señora, ¡estou intrigadísimo! ¿Podo ter xa unha resposta á miña pregunta?

SRA. ERLYNNE.- Lord Augustus, escóiteme. Leve a Lord Windermere ó seu club agora mesmo e retéñao alí tanto tempo como sexa posible. ¿Enténdeme?

LORD AUGUSTUS.- ¡Mais vostede dixo que me erguese cedo!

SRA. ERLYNNE.- (Nerviosamente.) Faga o que lle digo. Faga o que lle digo.

LORD AUGUSTUS.- ¿E a miña recompensa?

SRA. ERLYNNE.- ¿A súa recompensa? ¿A súa recompensa? ¿A súa recompensa? Oh, pregúnteme iso mañá. Mais non perda de vista a Windermere esta noite. Se o fai, nunca lle perdoarei. Nunca lle volverei falar. Non terei nada con vostede. Lembre que ten que reter a Windermere no seu club e non deixe que volva esta noite. (Sae pola esquerda.)

LORD AUGUSTUS.- Ben, francamente, xa debo se-lo seu marido. Estou convencido. (Séguea desconcertado.)

CAE O PANO.

ACTO TERCEIRO

O cuarto de Lord Darlington. Un sofá grande enfronte da cheminea da dereita. Ó fondo do escenario unha cortina que tapa unha fiestra. Portas á dereita e á esquerda. Unha mesa á dereita con material de oficina. A mesa central con sifóns, vaso e un marco de Tantalus. Na mesa da esquerda hai un puro e unha caixa de cigarros. As lámpadas están acesas.

LADY WINDERMERE.- (De pé onde a cheminea.) ¿Por que non vén? Esta espera é horrible. Debería estar aquí. ¿Por que non está aquí para acender o lume dentro de min con palabras apaixonadas? Estou fría, fría coma unha cousa sen amor. Arthur xa ten que ter lido a miña carta. Se se preocupa por min, virá tras de min, levarame de volta pola forza. Mais non lle importa. Esta engaiolado con esa muller, fascinado por ela, dominado por ela. Se unha muller quere atrapar un home, simplemente ten que incitar o peor que hai nel. Facemos dos homes deuses e eles déixannos. Outras fan deles bestas e eles adúlanas e sonlles fieis. ¡Que inxusta é a vida...! ¡Oh! Fun unha tola vindo aquí, unha tola. E agora pregúntome se é peor estar á mercé dun home que te quere ou ser a muller dun home que te deshonra na túa propia casa. ¿Que muller o sabe? ¿Que muller no mundo o sabe? ¿Mais quererame sempre este home a quen lle vou da-la miña vida? ¿Que lle dou? Beizos que perderon a súa pinga de ledicia, ollos que están cegos polas bágoas, mans frías e un corazón xeado. Non lle dou nada. Teño que volver. Non, non podo volver, a carta púxome no seu poder. Arthur non me aceptará de novo. ¡Maldita carta! ¡Non! Lord Darlington deixa Inglaterra mañá. Irei con el. Non teño outra elección. (Senta durante uns minutos. Érguese e pon a capa.) ¡Non, non! Volverei, deixarei que Arthur faga comigo o que queira. Non podo esperar aquí. Foi unha parvada o vir. Teño que ir agora mesmo. En canto a Lord Darlington, ¡Oh, aquí vén! ¿Que podo facer! ¿Que lle podo dicir? ¿Deixarame ir? Teño oído que os homes son brutos, horribles. ¡Oh! (Agocha a cara nas mans.)

(Entra a SRA. ERLYNNE pola esquerda.)

SRA. ERLYNNE.- ¡Lady Windermere! (LADY WINDERMERE érguese e olla. Logo recúa con desprezo.) Gracias a Deus que cheguei a tempo. Debe volver inmediatamente á casa do seu marido.

LADY WINDERMERE.- ¿Debo?

SRA. ERLYNNE.- (Con autoridade.) ¡Si, debe! Non hai un segundo que perder. Lord Darlington pode chegar en calquera intre.

LADY WINDERMERE.- ¡Non se achegue a min!

SRA. ERLYNNE.- ¡Oh! Vostede está a piques da ruína, está no bordo dun precipicio. Debe deixar este lugar inmediatamente, a miña carruaxe está esperando na esquina. Debe vir comigo dereita para a casa.

(LADY WINDERMERE quita a capa e déixaa no sofá.)

¿Que está a facer?

LADY WINDERMERE.- Sra. Erlynne, se vostede non viñese aquí, iría. Mais agora que a vexo, penso que nada no mundo me levaría a vivir no mesmo teito que Lord Windermere. Horrorízame. Hai algo de vostede que desata a rabia que levo dentro. Sei por qué vostede está aquí. O meu marido mandouna vir para facerme volver e que siga sendo cega ante a relación que existe entre vostede e o meu marido.

SRA. ERLYNNE.- ¡Oh! ¡Non pense iso! ¡Non debe!

LADY WINDERMERE.- Volva co meu marido, Sra. Erlynne. El perténcelle a vostede, non a min. Supoño que ten medo ó escándalo. Os homes son tan covardes. Infrinxen todas as leis do mundo e teñen medo das faladorías da xente. Mais, mellor que se prepare. Terá un escándalo. Terá o peor escándalo que tivo Londres dende hai anos. Verá o seu nome en tódolos xornais máis inmundos, o meu en tódolos anuncios noxentos.

SRA. ERLYNNE.- ¡Non, por Deus!

LADY WINDERMERE.- ¡Si! Verao. Se viñese el, teño que admitir que volvería á vida degradante que vostede e mais el me prepararon. Volvería, mais ficar el na casa e mandarlle vir como mensaxeira... Oh, foi infame, infame.

SRA. ERLYNNE.- (No fondo.) Lady Windermere, equivócase comigo, equivócase co seu marido. El non sabe que vostede está aquí. El cre que está a salvo na súa propia casa. Pensa que está a durmir no cuarto. ¡Nunca leu esa horrible carta que lle escribiu!

LADY WINDERMERE.- (Á dereita.) ¿Nunca a leu?

SRA. ERLYNNE.- Non, non sabe nada diso.

LADY WINDERMERE.- ¿Tómame por parva? (Indo cara a ela.) ¡Está mentindo!

SRA. ERLYNNE.- (Conténdose.) Non, estoulle dicindo a verdade.

LADY WINDERMERE.- Se o meu marido nunca leu a miña carta, ¿como é que vostede está aquí? ¿Quen lle dixo que marchei da casa para que tivese tan pouca vergoña e entrase? ¿Quen lle dixo a onde vin? O meu marido díxollo e mandouna virme buscar. (Vai para a esquerda.)

SRA. ERLYNNE.- (No fondo a dereita.) O seu marido nunca viu a carta. Eu vina e abrina. Eu fun quen a leu.

LADY WINDERMERE.- (Volvéndose cara a ela.) ¿Vostede leu unha carta miña que ía dirixida o meu marido? ¡Mais como ousa facer iso!

SRA. ERLYNNE.- ¡Ousar! ¡Oh! Para salvala do abismo no que está metida non hai nada no mundo que non ouse facer, no mundo enteiro. Aquí está a carta. O seu marido nunca a leu. Nunca a lerá. (Vai onda a cheminea.) Nunca debería escribila. (Rómpea e tíraa ó lume.)

LADY WINDERMERE.- (Con auténtica mirada e voz de desprezo.) ¿Como sei, despois de todo, que esa era a miña carta? Debe pensar que a vou crer utilizando os seus recursos máis vulgares.

SRA. ERLYNNE.- ¡Oh! ¿Por que non cre nada do que lle digo? ¿Por que motivo cre que vin aquí senón para salvala da completa ruína, salvala das consecuencias dun terrible erro? Esa carta que está a queimarse era a súa. ¡Xúrollo!

LADY WINDERMERE.- (Lentamente.) Foi moi lista queimándoa antes de que eu a vise. Non a creo. ¿Vostede, cuxa vida é unha mentira, pode dicir a verdade sobre algo? (Senta.)

SRA. ERLYNNE.- (Apresuradamente.) Pense o que queira de min. Diga o que queira contra min, mais volva, volva co marido ó que quere.

LADY WINDERMERE.- (De súpeto.) ¡Eu NON o quero!

SRA. ERLYNNE.- Si que o quere e sabe que el a quere.

LADY WINDERMERE.- El non entende qué é o amor. El entende tan pouco coma vostede, mais xa vexo o que quere. Sería unha gran vantaxe para vostede se conseguise que volvese. ¡Meu Deus! ¡Logo que vida tería! ¡Vivindo a mercé dunha muller pola que non teño nin piedade nin mágoa, unha muller que coñecela é unha infamia, algo degradante, unha muller cruel, unha muller que se entremete entre un marido e unha esposa!

SRA. ERLYNNE.- (Cun xesto de desesperación.) Lady Windermere, lady Windermere, non diga esas cousas tan terribles. Non sabe o crueis que son, que terribles e inxustas. Escoite, débeme escoitar. Só volva co seu marido e eu prometo que nunca falarei con el outra vez baixo ningún pretexto, nunca o volverei ver, nunca terei nada que ver coa súa vida ou coa do seu home. Os cartos que me deu, non mos deu por amor, senón por odio, non con adoración, senón con desprezo. A relación que me une a el...

LADY WINDERMERE.- (Erguéndose.) ¡Ah! ¡Admite que teñen unha relación!

SRA. ERLYNNE.- Si, é direille cal é. É o seu amor por vostede, lady Windermere.

LADY WINDERMERE.- ¿Vostede espera que crea tal cousa?

SRA. ERLYNNE.- ¡Debe crelo! É verdade. É o amor por vostede o que o obrigou a renderse a ¡oh, chámelle como queira, tiranía, ameazas, calquera cousa! Mais é o amor por vostede. O seu desexo de aforrarlle... vergonza, si, vergonza e desgraza.

LADY WINDERMERE.- ¿Que quere dicir? ¡Vostede é unha desvergonzada! ¿Que teño que facer con vostede?

SRA. ERLYNNE.- (Modestamente.) Nada. Seino, mais direille que o seu marido a quere, que pode que nunca atope un amor semellante na súa vida, que nunca volverá atopar un amor igual, e que se o afasta de si, chegará o día no que deveza por amor e non lle será dado, no que pregue por amor e seralle negado. ¡Oh! ¡Arthur quérea!

LADY WINDERMERE.- ¿Arthur? ¿E vostede dime que non hai nada entre os dous?

SRA. ERLYNNE.- Lady Windermere, ¡ante Deus dígolle que o seu marido é inocente de calquera ofensa cara a vostede! E direille que se algunha vez se me ocorrese esa sospeita tan horrible que lle está a pasar pola cabeza, morrería antes que cruzarme na súa vida ou na... ¡oh! ¡Morrería, morrería con moito gusto! (Móvese cara o sofá da dereita.)

LADY WINDERMERE.- Fala como se tivese corazón. As mulleres coma vostede non o teñen. O corazón non está en vostedes. Son de comprar e vender. (Senta ó fondo a esquerda.)

SRA. ERLYNNE.- (Érguese entristecida. Logo contense e vai onde está sentada LADY WINDERMERE. Cando fala, estende as mans cara ás de Lady Windermere mais non se atreve a tocarlle.) Crea o que queira de min. Non merezo un momento de compaixón.¡Mais non malgaste a súa preciosa e nova vida a miña conta! Non sabe o que lle agarda, a non ser que se vaia axiña desta casa. Non sabe o que é caer nun pozo, ser desprezada, ridiculizada, abandonada, burlada, ¡sentirse marxinada!, que lle dean coa porta nos fociños, ter que entrar por camiños horribles, temerosa de que en calquera momento descubran quen é, e escoitar todo o tempo as risas da xente, unha cousa máis triste que tódalas bágoas derramadas no mundo. Vostede non sabe qué é iso. Un paga polos seus pecados, e logo paga outra vez, e así toda a súa vida. Vostede nunca soubo iso. En canto a min, se sufrir é expiar, entón expiei todos os meus erros, calquera que estes fosen. Esta noite vostede púxolle un corazón a unha persoa que non o tiña, deullo e rompeullo. Mais deixémolo estar. Puiden botar por terra toda a miña vida, mais non permitirei que bote a súa. Vostede, ¡meu Deus! non é máis ca unha nena, estaría perdida. Non ten a intelixencia que lle permite a unha muller volver. Non ten nin intelixencia nin coraxe. ¡Vostede non pode aturar a deshonra! ¡Non! Volva, Lady Windermere, co home que a ama, ó que vostede ama. Ten un fillo, lady Windermere. Volva co neno que aínda agora, con mágoa ou ledicia, pode estar a chamar por vostede. (LADY WINDERMERE érguese.) Deus deulle ese fillo. E esíxelle que vele pola súa vida, que coide del. ¿Que resposta lle dará a Deus se a súa vida se ve arruinada pola súa culpa? Volva á casa, lady Windermere, o seu marido quérea. El nunca desviou o amor que lle profesa. Mais mesmo se tivese milleiros de amantes, vostede debe estar co seu fillo. Se el fose cruel con vostede, vostede debe estar co seu fillo. Se el a maltratase, vostede ten que estar co seu fillo. Se a abandonase, o seu lugar é xunta o seu fillo.

(LADY WINDERMERE rompe a chorar e tapa a cara coas mans.)

(Apresúrase onde está ela.) ¡Lady Windermere!

LADY WINDERMERE.- (Tendéndolle as mans, inutilmente, como faría un neno.) Léveme á casa. Léveme á casa.

SRA. ERLYNNE.- (Está a piques de abrazala. Logo contense. Na súa faciana pode apreciarse unha mirada de alegría.) ¡Veña!¿Onde está a súa capa? (Colléndoa do sofá.) Aquí. Póñaa. ¡Saiamos inmediatamente!

(Van cara á porta.)

LADY WINDERMERE.- ¡Espere! ¿Non oe voces?

SRA. ERLYNNE.- ¡Non, non! ¡Non oio nada!

LADY WINDERMERE.- ¡Si, escoite! ¡Oh! ¡esa é a voz do meu marido! ¡Vai entrar! ¡Sálveme! ¡Oh, é unha trampa! Vostede mandouno chamar.

(Voces fóra.)

SRA. ERLYNNE.- ¡Silencio! Estou aquí para salvala, se podo. ¡Mais temo que é demasiado tarde! ¡Alí! (Sinala a cortina que hai na fiestra.) En canto teña unha oportunidade, fuxa, se é que a ten.

LADY WINDERMERE.- ¿E vostede?

SRA. ERLYNNE.- ¡Oh! Non se preocupe por min. Plantareilles cara.

(LADY WINDERMERE agóchase detrás da cortina.)

LORD AUGUSTUS.- (Fóra.) Non diga parvadas, querido Windermere, ¡non debe deixarme!

SRA. ERLYNNE.- ¡Lord Augustus! ¡Agora son eu a que estou perdida! (Dubida por un momento, logo mira ó redor e ve a porta da dereita. Sae.)

(Entran LORD DARLINGTON, O SR. DUMBY, LORD WINDERMERE, LORD AUGUSTUS LORTON e O SR. CECIL GRAHAM.)

DUMBY.- ¡Que fastío botarnos do club a esta hora! Só son as dúas da mañá. (Tírase no sofá.) Acababa de comezar a parte máis interesante da noite. (Bocexa e pecha os ollos.)

LORD WINDERMERE.- É moi amable pola súa parte, Lord Darlington, permitir que Augustus lle impuxese a nosa compaña. Síntoo mais non podo ficar moito tempo.

LORD DARLINGTON.- ¿De verdade?¡É unha verdadeira mágoa! Aceptarame un puro, ¿non si?

LORD WINDERMERE.- ¡Grazas! (Senta.)

LORD AUGUSTUS.- (A LORD WINDERMERE.) Meu querido mozo, non debe pensar en marchar. Teño tamén que falarlle sobre algo moi importante. (Senta a carón del na mesa da esquerda.)

CECIL GRAHAM.- ¡Oh! ¡Todos sabemos de que se trata! Tuppy non pode falar de nada agás da Sra. Erlynne.

LORD WINDERMERE.- Ben, iso non é asunto seu, ¿verdade Cecil?

CECIL GRAHAM.- ¡Non! Por iso me interesa. Os asuntos meus son moi aburridos. Prefiro os doutra xente.

LORD DARLINGTON.- Beban algo, compañeiros. Cecil, ¿tomará whisky con soda?

CECIL GRAHAM.- Si, grazas. (Vai cara á mesa con LORD DARLINGTON.) A Sra. Erlynne estaba hoxe radiante, ¿verdade?

LORD DARLINGTON.- Non son un dos seus admiradores.

CECIL GRAHAM.- Eu non o adoitaba ser, mais agora si. Meu Deus, fixo que lle presentase a pobre tía Carolina. Creo que irá xantar onda ela.

LORD DARLINGTON.- (Furioso.) ¡Non!

CECIL GRAHAM.- Si, abofé que si.

LORD DARLINGTON.- Perdoádeme, compañeiros. Estarei de viaxe mañá. E teño que escribir unhas cartas. (Vai ó escritorio e senta.)

DUMBY.- Unha muller intelixente, a Sra. Erlynne.

CECIL GRAHAM.- Ola Dumby, pensaba que durmía.

DUMBY.- Si, normalmente si.

LORD AUGUSTUS.- Unha muller moi intelixente. Sabe perfectamente o parvo que son, sábeo tan ben coma min.

(CECIL GRAHAM achégase a el rindo.)

Ah, pode rir, Cecil mais é estupendo atopar unha muller que realmente te entende.

DUMBY.- É unha cousa moi perigosa. Sempre se acaba casando con ela.

CECIL GRAHAM.- Mais pensei, Tuppy, que nunca a ía volver ver. Si, iso díxomo onte pola noite no club e díxome que oíra...

(Murmurándolle.)

LORD AUGUSTUS.- Oh, ela explicou iso.

CECIL GRAHAM.- ¿E o do asunto Wiesbaden?

LORD AUGUSTUS.- Iso tamén o explicou.

DUMBY.- ¿E a súa fonte de ingresos, Tuppy? ¿Explicou iso?

LORD AUGUSTUS.- (Cunha voz moi seria.) Iso explicarao mañá.

(CECIL GRAHAM volve á mesa do fondo.)

DUMBY.- Tremendamente comerciais, as mulleres de hoxe en día. As nosas avoas facían de todo, mais ¡Meu Deus!, as súas netas só fan aquilo que lles proporcione algún beneficio.

LORD AUGUSTUS.- Quere facernos crer que é unha mala muller. ¡Pois non o é!

CECIL GRAHAM.- ¡Oh! As mulleres malas sempre preocupan a un. As boas aburren. Esa é a única diferenza entre elas.

LORD AUGUSTUS.- (Dándolle unha chupada o xaruto.) A Sra. Erlynne aínda ten un porvir.

DUMBY.- A Sra. Erlynne aínda ten un pasado.

LORD AUGUSTUS.-Eu prefiro mulleres con pasado. Son sempre máis divertidas para conversar.

CECIL GRAHAM.- Ben, terás moitos temas dos que falar con ela, Tuppy. (Erguéndose e achegándose a el.)

LORD AUGUSTUS.- Estase a poñer repugnante, moi repugnante.

CECIL GRAHAM.- (Poñéndolle as mans nos ombreiros.) Agora, Tuppy, perdeu a compostura e o carácter. Non perda o temperamento, só ten un.

LORD AUGUSTUS.- Meu querido rapaz, se non fose o home máis bondadoso de Londres...

CECIL GRAHAM.- Tratariámolo con máis respecto, ¿non si Tuppy? (Vaise.)

DUMBY.- Hoxe en día a xuventude é bastante monstruosa. Xa non teñen ningún respecto polo pelo tinxido. (LORD AUGUSTUS olla ó redor anoxado.)

CECIL GRAHAM.- A Sra. Erlynne tenlle un gran respecto a Tuppy.

DUMBY.- Entón, a Sra. Erlynne dá un bo exemplo ó resto do seu sexo. É incrible como se comportan as mulleres hoxe en día cos homes que non son os seus maridos.

LORD WINDERMERE.- Dumby, vostede é ridículo, e Cecil, peche a boca. Deixade a Sra. Erlynne en paz. Realmente non saben nada sobre ela e sempre están a falar mal dela.

CECIL GRAHAM.- (Achegándose a el ó fondo á esquerda.) Querido Arthur, eu nunca falo mal de ninguén. Simplemente rexoubo.

LORD WINDERMERE.- ¿Cal é a diferenza entre falar mal e rexoubar?

CECIL GRAHAM.- ¡Oh! A rexouba é encantadora. A Historia é unha pura rexouba. Mais falar mal de alguén é a rexouba aborrecida pola moralidade. Agora ben, eu nunca moralizo. Un home que moraliza é normalmente un hipócrita e unha muller que moraliza é sempre unha simplona. Para unha muller non hai nada no mundo tan indecoroso como ter unha conciencia non conformista. E alédame dicir que a maioría das mulleres sábeno.

LORD AUGUSTUS.- Só era unha opinión, rapaz, só unha opinión.

CECIL GRAHAM.- Que mágoa escoitar iso, Tuppy; cando a xente me dá a razón, sinto que debo estar equivocado.

LORD AUGUSTUS.- Meu querido rapaz, cando eu tiña a túa idade...

CECIL GRAHAM.- Mais vostede nunca a tivo, Tuppy, e nunca a terá. (Vai cara ó fondo.) Darlington, trae unha baralla. Arthur, vostede xogará, ¿non si?

LORD WINDERMERE.- Non, grazas, Cecil.

DUMBY.- (Cun suspiro.) ¡Miña nai! ¡o que arruína un matrimonio a un home! É tan desmoralizador coma os cigarros, e moito máis caro.

CECIL GRAHAM.- Tuppy, vostede xoga, ¿verdade?

LORD AUGUSTUS.- (Deixando o brandy con soda na mesa.) Non podo. Prometinlle a Sra. Erlynne que nunca volvería xogar ou beber.

CECIL GRAHAM.- Agora, meu querido Tuppy, non se deixe levar polo camiño da virtude. Reformado, sería moi aburrido. Iso é o peor das mulleres. Sempre queren que un sexa bo. E se somos bos, cando nos coñecen, non nos queren. Gústalles atoparnos irremediablemente malos, e deixarnos bos mais sen atractivo.

LORD DARLINGTON.- (Erguéndose da mesa da dereita, onde estaba a escribir.) Sempre pensan que somos malos.

DUMBY.- Eu non creo que sexamos malos. Creo que todos somo bos, agás Tuppy.

LORD DARLINGTON.- Non, todos vivimos nun lamazal, mais algúns miramos para as estrelas. (Senta na mesa do fondo.)

DUMBY.- ¿Todos vivimos nun lamazal, mais algúns miramos para as estrelas? Na miña opinión, está moi romántico esta noite, Darlington.

CECIL GRAHAM.- ¡Demasiado romántico! Debe estar namorado. ¿Quen é ela?

LORD DARLINGTON.- A muller que amo non está libre ou pensa que non o está. (Ó falar olla instintivamente para LORD WINDERMERE.)

CECIL GRAHAM.- ¡Unha muller casada, entón! Ben, non hai nada no mundo como a devoción dunha muller casada. Iso é unha cousa que o marido nunca sabe.

LORD DARLINGTON.- ¡Oh! Ela non me quere. É unha boa muller. É a muller máis boa que coñecín na miña vida.

CECIL GRAHAM.- ¿A única muller boa que coñeceu na súa vida?

LORD DARLINGTON.- ¡Si!

CECIL GRAHAM.- (Acendendo un cigarro.) Ben, ¡vostede é un home afortunado! Vaia, eu coñecín centos de mulleres boas. Nunca me pareceu coñecer unha que non fose boa. O mundo está cheo de mulleres boas. Coñecelas é propio dunha educación de clase media.

LORD DARLINGTON.- Esta muller posúe pureza e inocencia. Ten todo o que os homes perdemos.

CECIL GRAHAM.- Meu querido amigo, ¿que diaños fariamos nós tendo pureza e inocencia? Unha gravata ben arranxada causa máis efecto.

DUMBY.- Logo, ¿ela non o quere?

LORD DARLINGTON.- ¡Non!

DUMBY.- Felicítoo, meu querido amigo. Neste mundo hai só dúas traxedias. Unha é non conseguir o que un quere e a outra é conseguilo. Esta última é peor, é a verdadeira traxedia. Mais estou interesado en oír que ela non o quere. Cecil, ¿canto tempo podería amar a unha muller que non o quixese?

CECIL GRAHAM.- ¿Unha muller que non me quixese? Oh, ¡toda a miña vida!

DUMBY.- Eu tamén. Mais é tan difícil atopar unha.

LORD DARLINGTON.- ¿Como pode ser tan fachendoso, Dumby?

DUMBY.- Eu non diría que sexa unha cuestión de fachenda. Diría de arrepentimento. Eu fun salvaxemente, tolamente adorado. Arrepíntome. Foi un gran fastío. De cando en vez gustaríame dispor dun pouco de tempo para min.

LORD AUGUSTUS.- (Mirando ó redor.) Tempo para educarse, supoño.

DUMBY.- Non, tempo para esquecer o que aprendín. Iso é moito máis importante, querido Tuppy.

(LORD AUGUSTUS reméxese na cadeira.)

LORD DARLINGTON.- ¡Mais que cínicos son!

CECIL GRAHAM.- ¿Que é un cínico? (Sentando no respaldo do sofá.)

LORD DARLINGTON.- Un home que coñece o prezo de todo e o valor de nada.

CECIL GRAHAM.- E un sentimentalista, meu querido Darlington, é un home que ve un valor absurdo en todo e non coñece o prezo do mercado dunha soa cousa.

LORD DARLINGTON.- Cecil, que gracioso é. Fala coma se fose un home de experiencia.

CECIL GRAHAM.- Sono. (Vai cara diante da cheminea.)

LORD DARLINGTON.- ¡Vostede é polo de agora moi novo!

CECIL GRAHAM.- Iso é un grande erro. A experiencia é unha cuestión de instinto sobre a vida. Eu téñoa. Tuppy non. Experiencia é como Tuppy lle chama ós seus erros. Iso é todo. (LORD AUGUSTUS mira ó redor indignado.)

DUMBY.- Experiencia é como lle chama todo o mundo ós seus erros.

CECIL GRAHAM.- (De pé e de costas á cheminea.) Non se debería cometer ningún. (Ve o abano de LADY WINDERMERE no sofá.)

DUMBY.- A vida sería moi escura sen eles.

CECIL GRAHAM.- ¿É seguro que vostede lle é fiel a esta muller da que está namorado, Darlington, a esa boa muller?

LORD DARLINGTON.- Cecil, se un ama verdadeiramente a unha muller, todas as mulleres do mundo semellan absolutamente insignificantes. O amor cambia a un. Eu cambiei.

CECIL GRAHAM.- ¡Meu Deus! ¡Que interesante! Tuppy, quero falar con vostede. (LORD AUGUSTUS non se decata.)

DUMBY.- Non paga a pena falar con Tuppy. É como falar cunha parede.

CECIL GRAHAM.- Mais a min gústame falar coas paredes. É o único do mundo que non me contradí. ¡Tuppy!

LORD AUGUSTUS.- Si, ¿que pasa? ¿que pasa? (Ergueuse e vai onda CECIL GRAHAM.)

CECIL GRAHAM.- Veña acó. Quero falar especialmente con vostede (Aparte.) Darlington estivo moralizador e falou da pureza do amor e esas cousas, e el ten unha muller na súa casa todo o tempo.

LORD AUGUSTUS.- Non, ¿de verdade?

CECIL GRAHAM.- (En voz baixa.) Si, aí está o abano (Sinálao.)

LORD AUGUSTUS.- (Rindo.) ¡Vaites! ¡Vaites!

LORD WINDERMERE.- (De pé preto da porta.) Agora si que me vou, Lord Darlington. Sinto que deixe Inglaterra tan pronto. ¡Veña visitarnos cando volva! A miña muller e mais eu estaremos encantados de volvelo ver.

LORD DARLINGTON.- (Indo cara á porta con LORD WINDERMERE.) Creo que estarei fóra durante varios anos. ¡Boas noites!

CECIL GRAHAM.- ¡Arthur!

LORD WINDERMERE.- ¿Que?

CECIL GRAHAM.- Quero falar con vostede un momento. ¡Veña!

LORD WINDERMERE.- (Poñendo o abrigo.) Non podo. ¡Voume!

CECIL GRAHAM.- É algo importante. Interesaralle moito.

LORD WINDERMERE.- (Sorrindo.) ¿É algunha broma, Cecil?

CECIL GRAHAM.- ¡Non! ¡Xúrollo!

LORD AUGUSTUS.- (Indo cara a el.) Meu querido compañeiro, non debe irse agora. Aínda teño que falar con vostede. E Cecil tenlle que amosar algo.

LORD WINDERMERE.- (Camiñando cara a eles.) Ben ¿que é?

CECIL GRAHAM.- Darlington ten unha muller aquí na súa casa. Aquí está o seu abano. Divertido, ¿non si? (Unha pausa.)

LORD WINDERMERE.- ¡Meu Deus! (Colle o abano. DUMBY érguese.)

CECIL GRAHAM.- ¿Que pasa?

LORD WINDERMERE.- ¡Lord Darlington!

LORD DARLINGTON.- (Volvéndose.) ¿Si?

LORD WINDERMERE.- ¿Que fai o abano da miña muller nesta casa? As mans quedas, Cecil. Non me toque.

LORD DARLINGTON.- ¿O abano da súa muller?

LORD WINDERMERE.- Si, é este.

LORD DARLINGTON.- (Indo cara a el.) ¡Non o sei!

LORD WINDERMERE.- Debe sabelo. Pídolle unha explicación. Déixeme, imbécil. (A CECIL GRAHAM.)

LORD DARLINGTON.- (Aparte.) ¡Daquela ó final veu!

LORD WINDERMERE.- ¡Fale por favor! ¿Por que está o abano da miña muller aquí? ¡Respóndame! ¡Meu Deus! Buscarei en tódolos cuartos e se a miña muller está aquí, vou... (Érguese.)

LORD DARLINGTON.- Vostede non rexistrará os meus cuartos. Non ten dereito a facelo. ¡Prohíbollo!

LORD WINDERMERE.- ¡Desvergonzado! Non marcharei deste sitio ata que teña rexistrado tódolos recantos. ¿Que se está a mover detrás daquela cortina? (Apresúrase cara á cortina do fondo.)

SRA. ERLYNNE.- (Entra detrás pola dereita) ¡Lord Windermere!

LORD WINDERMERE.- ¡Sra. Erlynne!

(Érguense todos e dan a volta. LADY WINDERMERE sae de detrás da cortina.)

SRA. ERLYNNE.- Sinto que collín por erro o abano da súa muller no canto do meu cando saín da súa casa esta noite. Síntoo. (Colle o abano. LORD WINDERMERE olla para ela con desprezo. LORD DARLINGTON olla cunha mestura de asombro e medo. LORD AUGUSTUS vólvese. Os outros home sorrín entre eles.)

CAE O PANO

ACTO CUARTO - A mesma escena do primeiro acto.

LADY WINDERMERE.- (Deitada no sofá.) ¿Como llo podo dicir? Non podo. Mataríame. Pregúntome qué pasaría despois de que fuxise dese maldito cuarto. Quizais lles dixo ela o verdadeiro motivo polo que estaba alí e a explicación dese maldito abano meu. Oh, se el o sabe, ¿como lle poderei mirar á cara outra vez? El nunca mo perdoaría. (Toca a campá.) Que segura pensa unha que vive, fóra de calquera tentación, pecado ou tolemia e de súpeto. ¡Oh! A vida é terrible. Gobérnanos, nós non a gobernamos.

(Entra ROSALIE pola dereita.)

ROSALIE.- ¿Chamoume vostede, señora?

LADY WINDERMERE.- Si. ¿Sabe a que hora chegou Lord Windermere onte?

ROSALIE.- O señor non chegou ata as cinco.

LADY WINDERMERE.- ¿As cinco? Petoume na porta esta mañá, ¿non si?

ROSALIE.- Si, señora, ás nove e media. Díxenlle que a señora aínda non espertara.

LADY WINDERMERE.- ¿Dixo algo?

ROSALIE.- Algo sobre o abano da señora. Non entendín o que dixo o señor. ¿Perdéuselle o abano á señora? Non o atopo, e Parker dixo que non o deixou en ningún dos cuartos. Mirou en todos e na terraza tamén.

LADY WINDERMERE.- Non pasa nada. Dígalle a Parker que non se preocupe.

(Sae ROSALIE.)

LADY WINDERMERE.- (Erguéndose.) De seguro que llo dixo. Non podo imaxinar unha persoa facendo un marabilloso acto de autosacrificio, facéndoo espontaneamente, imprudentemente, nobremente e despois descubrindo que custa moito máis. ¿Por que ía dubidar entre a súa ruína ou a miña. ¡Que raro! Deshonraríaa publicamente na miña casa. Ela acepta a deshonra pública na casa doutra para salvarme. Hai unha triste ironía nas cousas, na forma de falar de mulleres boas e malas... ¡Oh, que lección! ¡Que mágoa que na vida só teñamos leccións cando son inservibles! Incluso se ela non llo di, eu debo facelo. ¡Oh! Que mágoa, que mágoa. Dicirllo é pasar polo tal outra vez. As accións son a primeira desgracia da vida, as verbas a segunda. Quizais as verbas son peores. As verbas son desapiadadas... ¡Oh! (Érguese cando LORD WINDERMERE entra.)

LORD WINDERMERE.- (Bicándoa.) Margaret, ¡estás moi pálida!

LADY WINDERMERE.- Non durmín ben.

LORD WINDERMERE.- (Sentando no sofá con ela.) Síntoo. Vin moi tarde onte e non quería espertarte. Estás chorando, querida.

LADY WINDERMERE.- Si, estou chorando porque teño que dicirche algo, Arthur.

LORD WINDERMERE.- Miña rula, ti non estás ben. Non descansas. Ímonos fóra do país. Estarás ben en Selby. A tempada case terminou. Non serve de nada ficar. ¡Pobre muller! Irémonos hoxe se queres. (Érguese.) Podemos colle-lo tren das 3.40. Enviareille un telegrama a Fannen. (Vai e senta na mesa a escribir un telegrama.)

LADY WINDERMERE.- Si. Ímonos hoxe. Non, Arthur, non podo hoxe. Teño que ver a alguén antes de deixa-la cidade. Alguén que foi moi amable comigo.

LORD WINDERMERE.- (Erguéndose e apoiándose no sofá.) ¿Amable contigo?

LADY WINDERMERE.- Moito máis ca iso. (Érguese e vai onda el.) Direicho, Arthur, mais ti quéreme e nada máis, quéreme como adoitabas facer.

LORD WINDERMERE.- ¿Adoitaba? Ti non estarás a pensar nesa pobre muller que veu aquí onte? (Volvéndose e sentando á dereita dela.) Non seguirás a pensar, non, non pode ser.

LADY WINDERMERE.- Non. Agora sei que estaba trabucada e que fun unha parva.

LORD WINDERMERE.- Fuches moi amable recibíndoa na túa casa onte, mais non a volverás ver.

LADY WINDERMERE.- ¿Por que dis iso? (Unha pausa.)

LORD WINDERMERE.- (Colléndolle a man.) Margaret, pensei que a Sra. Erlynne era máis ben a muller ofendida que a ofensora, como di o dito. Crin que quería ser boa, volver ó lugar que ela perdeu por unha tolemia momentánea, volver a unha vida decente. Crin o que me dixo e trabuqueime con ela. Ela é todo o mala que pode ser unha muller.

LADY WINDERMERE.- Arthur, Arthur, non fales tan friamente desa muller. Agora non creo que a xente se poida dividir entre boa e mala coma se fosen dúas razas ou creacións diferentes. Nas mulleres ás que se lles chama boas hai humores tolos de imprudencia, aseveración, celos, pecado. Nas mulleres malas, como se lles chama, pode haber dor, arrepentimento, mágoa, sacrificio. Non creo que a Sra. Erlynne sexa unha mala muller. Non o é.

LORD WINDERMERE.- Miña rula, a muller é imposible. Non importa o dano que intente facernos, non a volverás ver máis. De tódolos xeitos é inadmisible.

LADY WINDERMERE.- Mais quero vela. Quero que veña aquí.

LORD WINDERMERE.- ¡Nunca!

LADY WINDERMERE.- Ela veu aquí unha vez como a TÚA convidada. Agora virá como a MIÑA. Paréceme xusto.

LORD WINDERMERE.- Nunca debeu vir aquí.

LADY WINDERMERE.- (Erguéndose.) Arthur, xa é demasiado tarde para dicir iso. (Camiña.)

LORD WINDERMERE.- (Erguéndose.) Margaret, se soubeses onde foi a Sra. Erlynne onte pola noite despois de deixar esta casa, non volverías estar con ela no mesmo cuarto. Foi algo vergoñento.

LADY WINDERMERE.- Arthur, non podo aturalo máis. Téñocho que dicir. Onte pola noite...

(Entra PARKER cunha bandexa no que está o abano de LADY WINDERMERE e unha tarxeta.)

PARKER.- A Sra. Erlynne veu devolverlle o abano da señora que colleu por erro onte pola noite. A señora Erlynne escribiulle unha tarxeta.

LADY WINDERMERE.- Oh, pídelle a Sra. Erlynne que sexa tan amable de subir (Lee a tarxeta.) Dille que estarei encantada de vela. (Sae PARKER.) Arthur, quere verme.

LORD WINDERMERE.- (Colle a carta e lea.) Margaret, suplícoche que non o fagas. En todo caso, déixame vela a min primeiro. É unha muller moi perigosa. É a muller máis perigosa que coñezo. Non te decatas do que estás a facer.

LADY WINDERMERE.- Está ben que a vexa.

LORD WINDERMERE.- Miña rula, podes estar a piques de sufrir unha gran desilusión. Non a vexas. É absolutamente necesario que a vexa eu antes ca ti.

LADY WINDERMERE.- ¿E por que é necesario?

PARKER.- (Entra) A Sra. Erlynne.

(Entra a SRA. ERLYNNE. Sae PARKER.)

SRA. ERLYNNE.- ¿Como está, Lady Windermere? (A LORD WINDERMERE.) ¿Que tal? Sabe, sinto moito o do abano. Non podo imaxinar como cometín ese erro tan estúpido. O máis estúpido en min. E pasaba por aquí e pensei en aproveitar esta oportunidade para devolverllo en persoa, pedirlle desculpas pola miña falla de delicadeza e despedirme de vostede.

LADY WINDERMERE.- ¿Despedirse? (Vai cara ó sofá coa SRA. ERLYNNE e senta ó seu carón.) ¿Vaise entón, Sra. Erlynne?

SRA. ERLYNNE.- Si, voume vivir fóra outra vez. O clima inglés non me senta ben. O meu corazón está afectado aquí e non me gusta. Prefiro vivir no sur. Londres está cheo de néboas e xente seria, Lord Windermere. Se a néboa produce a xente seria ou se a xente seria produce a néboa, eu non o sei, mais todo iso non o aturo e marcho esta tarde no Train Club.

LADY WINDERMERE.- ¿Esta tarde? Mais tiña tantas ganas de vela.

SRA. ERLYNNE.- ¡Que amable é! Síntoo, mais debo marchar.

LADY WINDERMERE.- ¿Volvereina ver algunha vez, Sra. Erlynne?

SRA. ERLYNNE.- Creo que non. As nosas vidas están tan lonxe unha da outra. Mais hai unha pequena cousa que me gustaría que fixese por min. Quero unha foto súa, Lady Windermere. ¿Daríame unha? Non sabe o agradecida que estaría.

LADY WINDERMERE.- Oh, é un pracer. Hai unha na mesa. Amosareilla. (Vai cara á mesa.)

LORD WINDERMERE.- (Indo cara á SRA. ERLYNNE e falando en voz baixa.) É inoportuno que se presente aquí así despois da súa conduta de onte.

SRA. ERLYNNE.- (Cun sorriso.) Meu querido Windermere, ¡as maneiras antes cá moral!

LADY WINDERMERE.- (Volvendo.) É unha foto na que estou moi favorecida. Eu en realidade non son tan fermosa. (Amosándolle a fotografía.)

SRA. ERLYNNE.- Vostede é moito máis fermosa. ¿Mais non ten algunha co seu neno?

LADY WINDERMERE.- Teño. ¿Prefire unha desas?

SRA. ERLYNNE.- Si.

LADY WINDERMERE.- Irei buscala. Se me desculpa un momento. Teño unha no andar de arriba.

SRA. ERLYNNE.- Lady Windermere, sinto molestala.

LADY WINDERMERE.- (Vai cara á porta da dereita.) Non me molesta en absoluto, Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Moitas grazas.

(Sae LADY WINDERMERE pola dereita.) Semella anoxado esta mañá, Windermere. ¿Por que? Margaret e mais eu levámonos moi ben.

LORD WINDERMERE.- Non aturo vela con ela. Ademais, vostede non me dixo a verdade, Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Non lla dixen a ELA, quererá dicir.

LORD WINDERMERE.- (De pé no fondo.) Ás veces desexaría que lla tivese dito. Aforraríame o sufrimento, o desacougo e o anoxo destes últimos seis meses. Mais a miña muller debería saber que a nai que dá por morta, a nai pola que chorou a súa morte vive. É unha muller divorciada que vai pola vida cun nome falso, unha mala muller que leva unha vida de infamia como sei agora que a leva vostede. E por riba, estiven disposto a darlle cartos para pagar unha factura tras outra, extravagancia tras extravagancia, arriscando o que aconteceu onte, a primeira liorta que tiven coa miña muller. ¿Como se atreveu? Mais dígolle que as únicas malas palabras que saíron dos seus doces beizos foron para vostede e odio vela preto da miña muller. Manchou a inocencia que hai nela. (Vai cara ó fondo á esquerda.) E logo eu adoitaba pensar que cos seus erros vostede era sincera e honesta. E non o é.

SRA. ERLYNNE.- ¿Por que di iso?

LORD WINDERMERE.- Vostede pediume que lle conseguise unha invitación para a festa da miña muller.

SRA. ERLYNNE.- Para a festa da miña filla, si.

LORD WINDERMERE.- Vostede veu e unha hora despois de deixar esta casa, atópase na casa dun home. Vostede foi deshonrada diante de todo o mundo. (Vai ó fondo.)

SRA. ERLYNNE.- Si.

LORD WINDERMERE.- (Dando unha volta ó redor dela.) Polo tanto, teño o dereito de mirala segundo o que é, unha muller viciosa e que non paga a pena. Teño o dereito de dicirlle que nunca máis veña a miña casa nin intente achegarse a miña muller.

SRA. ERLYNNE.- (Friamente.) Á miña filla, quererá dicir.

LORD WINDERMERE.- Non ten o dereito a afirmar que é a súa filla. Vostede deixouna, abandonouna cando era una meniña de berce, abandonouna polo seu amante que logo a abandonou a vostede.

SRA. ERLYNNE.- (Erguéndose.) Lord Windermere, ¿está a falar en prol del ou en prol de min?

LORD WINDERMERE.- Agora que a coñezo, del.

SRA. ERLYNNE.- Coidado, é mellor que ande con tino.

LORD WINDERMERE.- Oh, non vou andar con rodeos. Coñézoa moi ben.

SRA. ERLYNNE.- (Mírao fixamente.) Dubídoo.

LORD WINDERMERE.- Si que a coñezo. Durante vinte anos viviu sen a súa filla, sen pensar nela. Un día vostede le nos xornais que ela casou cun home rico. Vostede viu a súa grande oportunidade. Sabía que para aforrarlle a ela a ignominia de saber que a súa nai era unha muller como vostede, eu aturaría todo. Vostede empezou a chantaxearme.

SRA. ERLYNNE.- (Encolléndose de ombros.) Non use esas palabras tan feas. Son vulgares. Vin unha oportunidade, é verdade, e aproveiteina.

LORD WINDERMERE.- Si, aproveitouna e estragouno todo onte cando foi descuberta.

SRA. ERLYNNE.- (Cun sorriso estraño.) Ten razón, estragueino todo onte.

LORD WINDERMERE.- E en canto ó grande erro de colle-lo abano da miña muller e logo deixalo no cuarto de Darlington é imperdoable. Agora non aturo velo. Non permitirei que a miña muller o utilice máis. Para min xa está manchado. Debería quedar con el e non traelo.

SRA. ERLYNNE.- Creo que ficarei con el. (Érguese.) É moi fermoso. (Colle o abano.) Pedireille a Margaret que mo dea.

LORD WINDERMERE.- Ademais espero que llo dea.

SRA. ERLYNNE.- Oh, estou segura de que non porá ningunha obxección.

LORD WINDERMERE.- Oxalá que ó mesmo tempo ela lle dea unha miniatura que bica tódalas noites antes de rezar. É a miniatura dunha muller de aspecto inocente cun fermoso pelo NEGRO.

SRA. ERLYNNE.- Ah, si. Lémbrome. ¡Parece que pasou moito tempo! (Vai ó sofá e senta.) Foi feita antes de que eu casase. ¡O pelo negro e a expresión inocente estaban de moda daquela, Windermere! (Unha pausa.)

LORD WINDERMERE.- ¿Que pretende vindo hoxe aquí? ¿Cal é o fin? (Vai cara o fondo á esquerda e senta.)

SRA. ERLYNNE.- (Cun ton de ironía na súa voz.) Despedirme da miña filla, por suposto. (LORD WINDERMERE morde o beizo inferior con rabia. A SRA. ERLYNNE fítao e a súa voz e maneiras fanse serias. Cando fala, no acento hai unha mostra de profunda traxedia. Por un momento déixase ver como é.) Oh, non crea que lle vou montar a ela unha escena patética, chorar abrazada a ela e dicirlle quen son e todo iso. Non teño ningún interese en desempeña-lo papel de nai. Só unha vez na miña vida coñecín os sentimentos dunha nai. Foi onte. Foi terrible, fixéronme sufrir, fixéronme sufrir moito. Durante vinte anos, como vostede dixo, vivín sen fillos e quero seguir facéndoo. (Agochando os seus sentimentos nun sorriso trivial.) Ademais, meu querido Windermere, ¿como podo eu facer de nai cunha filla medrada? Margaret ten vinte e un anos e eu nunca admitín que teño máis de vinte e nove, como moito trinta. Vinte e nove, trinta segundo a luz. Así que xa ve as circunstancias que implicaría. Non, na miña opinión, deixe que a súa muller conserve a memoria da súa nai morta e pura. ¿Por que me vou meter eu nas súas ilusións? Penso que xa é demasiado duro mante-las miñas. Onte perdín unha ilusión. Cría que non tiña corazón. Descubrín que si, e un corazón que non me corresponde, Windermere. Dalgún xeito non vai coa moda. Fai que unha semelle vella. (Colle o espello da mesa e mírase.) E estraga a carreira dunha nos momentos críticos.

LORD WINDERMERE.- Estou aterrado, completamente aterrado.

SRA. ERLYNNE.- (Erguéndose.) Windermere, supoño que vostede desexaría que eu fose a un convento, ou fose enfermeira ou algo así, como fai a xente nas estúpidas novelas modernas. Iso é unha parvada, Arthur. Na vida real nós non facemos iso. Non, se en todo caso nos queda algo de beleza. Non, o que realmente consola a unha hoxe en día non é o arrepentimento senón o pracer. O arrepentimento está xa anticuado. E ademais, se realmente unha muller se arrepinte, ten que ir a un mal modisto, senón un non cre nela. E nada no mundo me levaría a iso. Non, vou saír completamente das súas vidas. Meterme nelas foi un erro; sóubeno onte pola noite.

LORD WINDERMERE.- Un terrible erro.

SRA. ERLYNNE.- (Sorrindo.) Case fatal.

LORD WINDERMERE.- Agora arrepíntome de non terllo dito todo á miña muller.

SRA. ERLYNNE.- Eu arrepíntome dos meus malos actos. Vostede arrepíntese dos bos. Esa é a diferenza entre nós.

LORD WINDERMERE.- Non confío en vostede. Direillo á miña muller. É mellor que o saiba, por min. Doeralle moitísimo e humillarana terriblemente, mais o correcto é que o saiba.

SRA. ERLYNNE.- ¿Propón contarllo?

LORD WINDERMERE.- Voullo contar.

SRA. ERLYNNE.- (Achegándose a el.) Se o fai, farei que o meu nome colla tan mala sona que lle estragará cada momento da súa vida. Arruinaraa, farana desgraciada. Se ousa dicirllo non haberá abismo de degradación ó que eu non sexa capaz de baixar nin precipicio de vergonza polo que eu non caia. Non llo debe dicir. Prohíbollo.

LORD WINDERMERE.- ¿Por que?

SRA. ERLYNNE.- (Despois dunha pausa.) Se lle digo a vostede que me preocupo por ela, quizais mesmo que a quero, burlaríase de min, ¿non si?

LORD WINDERMERE.- Sentiría que non é verdade. O amor dunha nai significa devoción, desinterese, sacrificio. ¿Como podería vostede saber iso?

SRA. ERLYNNE.- Ten razón. ¿Como podería eu saber todo iso? Non. Senón máis do de dicirlle á miña filla quen son, cousa que non permito. É o meu segredo, non o seu. Se decido dicirllo, e creo que o farei, direillo antes de deixar esta casa. Senón, non o farei nunca.

LORD WINDERMERE.- (Anoxado.) Entón, pídolle que deixe esta casa agora mesmo. Desculpareime a Margaret por vostede.

(Entra LADY WINDERMERE pola dereita. Vai onde a SRA. ERLYNNE cunha fotografía na man. LORD WINDERMERE vai cara á parte de atrás do sofá e olla ansiosamente a SRA. ERLYNNE mentres continúa a escena.)

LADY WINDERMERE.- Sra. Erlynne, sinto facela agardar. Non daba atopado a fotografía por ningures. Ó final, atopeina no cuarto do meu marido. El roubáraa.

SRA. ERLYNNE.- (Colle a foto e míraa.) Non me estraña. É moi bonita. (Vai ó sofá onde está LADY WINDERMERE e senta ó seu carón. Olla outra vez para a foto.) ¡E este é o seu neno! ¿Como se chama?

LADY WINDERMERE.- Gerard, coma meu pai.

SRA. ERLYNNE.- (Pousando a fotografía.) ¿De verdade?

LADY WINDERMERE.- Si, se fose unha nena, levaría o nome da miña nai. Ela tiña o mesmo nome ca min, Margaret.

SRA. ERLYNNE.- Eu tamén me chamo Margaret.

LADY WINDERMERE.- ¡Non me diga!

SRA. ERLYNNE.- Si. (Pausa.) Lady Windermere, o seu marido díxome que vostede é moi devota da memoria da súa nai.

LADY WINDERMERE.- Todos temos ideais na vida. Ou polo menos deberiamos telos. O meu é a miña nai.

SRA. ERLYNNE.- Os ideais son perigosos. A realidade é mellor. Fere mais é mellor.

LADY WINDERMERE.- (Negando.) Se perdese os meus ideais, perdería todo.

SRA. ERLYNNE.- ¿Todo?

LADY WINDERMERE.- Si. (Pausa.)

SRA. ERLYNNE.- ¿Faloulle seu pai a miúdo da súa nai?

LADY WINDERMERE.- Non, facíalle moito dano. Díxome que a miña nai morrera uns meses despois de nacer eu. Os seu ollos enchíanse de bágoas mentres falaba. Logo pediume que non lle volvese mencionar nunca máis o nome da miña nai. Facíao sufrir incluso cando o oía. O meu pai morreu realmente de mágoa. A vida del é a vida máis arruinada que coñezo.

SRA. ERLYNNE.- (Erguéndose.) Teño que irme, Lady Windermere.

LADY WINDERMERE.- (Erguéndose.) ¡Oh! non, non se vaia.

SRA. ERLYNNE.- Creo que é o mellor. A esta hora a miña carruaxe debe estar aquí. Mandeina buscar á casa de Lady Jedburgh cunha nota.

LADY WINDERMERE.- Arthur, ¿importaríache ver se xa veu a carruaxe da Sra. Erlynne?

SRA. ERLYNNE.- Non se preocupe, Lord Windermere.

LADY WINDERMERE.- Si, Arthur, vai ver, por favor.

(LORD WINDERMERE dubida por un instante e mira á SRA. ERLYNNE. Ela fica impasiva. Sae do cuarto.)

(Á SRA. ERLYNNE.) ¡Oh! ¿Que lle podo dicir? ¡Vostede salvoume onte pola noite! (Vai onda ela.)

SRA. ERLYNNE.- Shhhh, non fale diso.

LADY WINDERMERE.- Teño que falar diso. Non podo deixala crer que vou aceptar este sacrificio. É moi grande. Direillo todo ó meu marido. É o meu deber.

SRA. ERLYNNE.- Non é o seu deber. Polo menos vostede débelle cousas a outros ademais de a el. ¿Vostede di que me debe algo?

LADY WINDERMERE.- Débolle todo.

SRA. ERLYNNE.- Entón, pague a súa débeda co silencio. É a única forma coa que se pode pagar. Non estrague a única cousa boa que fixen na miña vida, non llo diga a ninguén. Prométame que o que pasou onte quedará entre nós. Non traia a desgraza á vida do seu home. ¿Por que estraga-lo seu amor? Non debe estragalo. O amor mátase moi doadamente. Déame a súa palabra, Lady Windermere, de que non llo dirá nunca. Insisto.

LADY WINDERMERE.- (Coa cabeza agachada.) É o seu desexo, no o meu.

SRA. ERLYNNE.- Si, é o meu desexo. E nunca se esqueza do seu fillo. Gústame pensar que vostede é unha nai. Gústame que vostede tamén pense como unha nai.

LADY WINDERMERE.- (Mirándoa.) Agora sempre o farei. Só unha vez na miña vida esquecín a miña propia nai. Foi onte pola noite. ¡Oh! Se nese momento me lembrase dela, non sería tan egoísta, tan mala.

SRA. ERLYNNE.- (Cun pequeno arrepío.) Shhh, onte xa rematou.

(Entra LORD WINDERMERE.)

LORD WINDERMERE.- Aínda non volveu a súa carruaxe, Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Non importa. Collerei un coche de cabalos. Non hai nada tan respectable no mundo como un Shrewsbury e un Talbot. E agora, querida lady Windermere, téñome que despedir. (Vai cara ó fondo.) Oh, agora que me lembro. Pensará que é absurdo mais sabe que quedei engaiolada deste abano e que fun tan tola como para levalo despois do baile. Entón, pregúntome se mo daría. Lord Windermere di que vostede pode. Sei que foi un agasallo del.

LADY WINDERMERE.- Oh, por suposto, se vostede quere. Mais ten o meu nome nel. Pon "Margaret".

SRA. ERLYNNE.- Mais temos o mesmo nome.

LADY WINDERMERE.- É verdade, esquecérao. Por suposto, cóllao. ¡Que incrible coincidencia de que teñamos o mesmo nome!

SRA. ERLYNNE.- Si, bastante incrible. Moitas grazas. Fará que me lembre sempre de vostede. (Danse as mans.)

(Entra PARKER.)

PARKER.- Lord Augustus Lorton. Chegou a carruaxe da Sra. Erlynne.

(Entra LORD AUGUSTUS.)

LORD AUGUSTUS.- Bos días, Arthur. Bos días, Lady Windermere. (Ve a SRA. ERLYNNE.) ¡Sra. Erlynne!

SRA. ERLYNNE.- Lord Augustus, ¿que tal? ¿Como se atopa esta mañá?

LORD AUGUSTUS.- (Friamente.) Moi ben, gracias Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- Non ten moi bo aspecto, Lord Augustus. Onte deitouse moi tarde. Iso non lle senta ben. Debería coidarse máis. Adeus, Lord Windermere. (Vai cara á porta e faille unha reverencia á Lord AUGUSTUS. De repente sorrí, vólvese e mírao.) ¡Lord Augustus! ¿Podería acompañarme ata a miña carruaxe? Pode leva-lo abano.

LORD WINDERMERE.- ¡Permítame!

SRA. ERLYNNE.- Non, quero que o faga Lord Augustus. Teño unha mensaxe especial para a querida duquesa. ¿Podería levarme o abano, Lord Augustus?

LORD AUGUSTUS.- Se de verdade o desexa, Sra. Erlynne.

SRA. ERLYNNE.- (Sorrindo.) Por suposto que si. Levarao con tanta graza. Vostede levaría todo con moita graza, querido Lord Augustus.

(Cando chega á porta, mira un momento a lady WINDERMERE. Os seus ollos atópanse. Vólvese e sae seguida de LORD AUGUSTUS.)

LADY WINDERMERE.- Arthur, non volvas falar mal da Sra. Erlynne, ¿de acordo?

LORD WINDERMERE.- (Con voz grave.) É mellor do que parecía.

LADY WINDERMERE.- Ela é mellor ca min.

LORD WINDERMERE.- (Sorrindo mentres lle acaricia o pelo.) Miña nena, ti e ela pertencedes a mundos diferentes. Nunca entrou o mal no teu mundo.

LADY WINDERMERE.- Arthur, non digas iso. O mundo é o mesmo para todos, e o bo e o malo, o pecado e a inocencia van collidos da man. Pecharlle os ollos á metade da vida na que un pode vivir ben é coma se un mesmo non quere ver que pode camiñar máis seguro por unha terra chea de foxos e precipicios.

LORD WINDERMERE.- (Vai onda ela.) Cariño, ¿por que dis iso?

LADY WINDERMERE.- (Senta no sofá.) Porque eu, que pechei os ollos á vida, estiven a piques de caer. E quen nós separou...

LORD WINDERMERE.- Nós nunca estivemos separados.

LADY WINDERMERE.- Nunca debemos estalo. Oh, Arthur, quéreme máis e eu confiarei en ti máis. Confiarei plenamente en ti. Imos a Selby. Alí no xardín de rosas, as rosas son brancas e vermellas.

(Entra LORD AUGUSTUS C.)

LORD AUGUSTUS.- Arthur, ¡ela explicoumo todo!

(LADY WINDERMERE mírao horrorizada. LORD WINDERMERE érguese. LORD AUGUSTUS colle a WINDERMERE polo brazo e lévao ó fondo do escenario. El fala rapidamente e en voz baixa. LADY WINDERMERE está de pé ollando para eles e aterrorizada.) Meu querido compañeiro, ela explicoume absolutamente todo. Todos nos trabucamos con ela. Ela foi á casa de Darlington só por min. O feito é que pasou primeiro polo Club, estaba intrigada porque lle dixeran que eu iría, seguiu e obviamente asustouse cando nos oíu chegar e retirouse a outra estancia. Asegúrollo todo, o que é moi grato para min. Todos nos comportamos moi mal con ela. É a muller perfecta para min. Está feita para min. A única condición que pide é que vivamos fóra de Inglaterra. Unha cousa boa, tamén. Malditos clubs, maldito clima, malditos cociñeiros, maldito todo. ¡Estou farto de todo!

LADY WINDERMERE.- (Asustada.) ¿Entón a Sra. Erlynne...?

LORD AUGUSTUS.- (Indo cara a ela coa cabeza agachada.) Si, lady Windermere. A Sra. Erlynne concedeume o honor de acepta-la miña man.

LORD WINDERMERE.- Ben, abofé que casa cunha muller moi intelixente.

LADY WINDERMERE.- (Collendo a man do seu marido.) Ah, casará cunha muller moi boa.

CAE O PANO

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2004
© da tradución Marifé Vega Alba