|
«Vello testán, teimudo, túzaro, encabuxado, fungón, rancio, ferruxento e cruel», dixen para min unha tarde do meu tío Rumgudgeon imaxinando que lle daba un moquetazo. Mais só o imaxinaba. O certo é que nese momento existía algunha discrepancia insignificante entre o que eu dicía e o que non ousaba dicir, entre o que eu facía e o que quería facer. Cando abrín a porta do salón, a vella toniña estaba sentada cos pés sobre a repisa da cheminea e cun vaso de Porto na gadoupa facendo grandes esforzos por recita-la cantarela:
—Meu querido tío –dixen pechando a porta con coidado e achegándome a el co máis doce dos meus sorrisos–, vostede é sempre tan agarimoso e compracente e demostrou a súa benevolencia de tantos, tantísimos xeitos que creo que só llo teño que pedir unha vez máis para asegurarme da súa plena aprobación. —¡Hum! –dixo–, bo rapaz... ¡sigue! —Estou seguro, meu querido tío (¡o demo o leve, vello lagarteiro!), de que en realidade non ten a máis mínima intención de oporse ó meu matrimonio con Kate. Sei que isto é simplemente unha brincadeira das súas. ¡Ha, ha, ha, que gracioso é as veces! —¡Ha, ha, ha! –dixo el. ¿Iso cres? ¡Maldita sexas! —¡Pois claro que si! Sabía que estaba a chancear. Tío, neste momento o único que Kate e mais eu queremos é que teña a amabilidade de aconsellarnos sobre... sobre a data, é dicir, cándo lle convén que se celebre a voda. —¿Que se celebre a voda? ¡Desvergoñado! ¿Que queres dicir con iso? Xa podes esperar sentado. —¡Ha, ha, ha!, ¡he, he, he!, ¡hi, hi, hi!, ¡ho, ho, ho!, ¡hu, hu, hu! Esa si que é boa, ¡que gracia ten! Mais o que queremos, tío, é que nos diga a data exacta. —¡Ah! ¿A data exacta? —Si, tío, se lle parece ben. —¿E non valería, Bobby, se a dixese ó chou? Digamos... dentro dun ano, por exemplo. ¿Ou debo ser máis preciso? —Si, se é tan amable, tío, a data exacta. —Ben, entón, Bobby, meu querido fillo, como ti es un bo rapaz e queres sabe-la data exacta, direicha dunha vez. —¡Meu querido tío! —¡Schsss, cala! –díxome interrompéndome–. Voucha dicir. Tedes o meu consentimento... e os cartos, non debemos esquece-los cartos. Déixame pensar... ¿cando podería ser? Hoxe é domingo, ¿non si? Pois entón casaredes exactamente, exactamente... cando haxa tres domingos nunha semana. ¿Oíchesme Bobby? ¿E a que vén esa cara de pampo? Dígoche que Kate e o seu diñeiro serán teus cando haxa tres domingos nunha semana, pero non antes, ¡pillabán!, non antes así eu teña que morrer. Coñécesme e sabes que son un home de palabra e agora lisca. Bebeu o seu Porto mentres que eu, desesperado, saía apresuradamente do cuarto. O meu tío avó Rumgudgeon era un "excelente cabaleiro inglés", pero, a diferencia de como dicía a canción, tiña os seus puntos fracos. Era unha persoa cativa, gordecha, fastosa, apaixonada, cun nariz vermello, o cranio groso, un peto sen fondo e cun bo concepto da súa persoa. Tiña o mellor corazón do mundo, mais debido a súa incesante teima de contradicción logrou, entre aqueles que só o coñecían superficialmente, a fama de avarento. Coma moitas excelentes persoas, semellaba ter un carácter anoxado, o que podería confundirse a simple vista con ruindade. Respondía a calquera pregunta cun ¡Non! rotundo, pero ó final, no último momento, eran moi poucas as peticións que rexeitaba. Defendíase firmemente dos ataques ós que era sometida a súa faldriqueira, mais, ó final, a cantidade que se lle sacaba estaba en relación directa coa duración do asedio e a firmeza da resistencia. En canto á caridade, ninguén daba máis con tanta xenerosidade ou con menos amabilidade. O meu tío amosaba un profundo menosprezo polas Belas Artes e, especialmente, pola Literatura. Casimir Perier infundiulle este desprezo ó meu tío, que tiña o costume de face-la impertinente pregunta a quoi un poète est il bon? cunha graciosa pronunciación, como o nec plus ultra do enxeño lóxico. Por iso, indignábao completamente a miña predisposición polas Musas. Un día cando lle preguntei polo novo exemplar de Horacio, aseguroume que a traducción de «poeta nascitur non fit» era «un poeta é necio, non fino», un comentario que me anoxou moitísimo. A súa repugnancia cara ás Humanidades incrementouse tamén nos últimos anos debido a unha fortuíta inclinación ó que el supoñía que eran as ciencias naturais. Alguén se dirixiu a el na rúa, confundíndoo nada menos que co doutor Dubble L. Dee, o profesor de medicina tradicional. Isto enfureceuno, e no tempo deste relato (porque despois de todo está a ser un relato) o meu tío avó Rumgudgeon só se mostraba accesible e pacífico cando falabamos de temas que lle gustaban. De todo o demais ría ás gargalladas e a súa política era obcecada e doada de entender. Pensaba, igual que Horsley, que «o pobo non ten nada que facer coas leis, senón obedecelas». Vivín con el toda a miña vida. Os meus pais, antes de morreren, entregáronme a el como o máis prezado legado. Creo que o vello lerchán queríame coma ó seu propio fillo (case, senón tanto, como a Kate), pero, despois de todo, fíxome vivir unha vida de cans. Dende o primeiro ano ata os cinco, deume malleiras a reo. Dos cinco ós quince, ameazábame a cada intre con meterme nun reformatorio. Dos quince ós vinte non pasou un día sen que non me prometese desherdarme. A verdade é que eu era bo peixe, mais iso formaba parte da miña natureza, unha cuestión de conviccións. Sen embargo, sabía que en Kate tiña unha verdadeira amiga. Era unha boa rapaza e dicíame moi docemente que había se-la miña esposa (cos cartos e todo) sempre que lle insistise ó meu tío avó Rumgudgeon ata que dese o seu consentimento. ¡Pobre rapaza!, a penas tiña os quince anos e sen ese consentimento non podería consegui-lo seu pequeno capital ata que non pasasen por ela cinco interminables veráns. Daquela, ¿que facer? Ós quince anos ou mesmo ós vinteún (eu xa pasara a miña quinta olimpíada), cinco anos son coma cincocentos. Eu seguía asediando ó meu tío avó coas miñas peticións. Isto era unha pièce de resistance (como dirían os señores Ude e Careme) que se adaptaba á súa obstinada imaxinación como anel ó dedo. Job indignaríase ó ver que o vello gato comportábase con nós coma se fosemos dous pobre ratiños. No seu corazón desexaba máis que nada o noso matrimonio. Estaba de acordo con iso. De feito, teríanos dado dez mil libras do seu propio peto (o diñeiro de Kate era só dela) de se lle ocorrer algo semellante a unha escusa para cumprir cos nosos desexos. Mais a culpa foi nosa por lle menciona-lo tema. Eu creo sinceramente que, baixo tales circunstancias, o non oporse estaba alén das súas posibilidades. Xa indiquei que o meu tío avó tiña os seus puntos fracos; mais cando dicía isto, non me refería á súa teimosía, xa que era un dos seus puntos máis fortes (assurement se n'était pas sa foible). Cando mencionei a súa debilidade referíame a unha estraña superstición de vello efeminado que o perseguía. Dábanselle ben os soños, os presaxios et id genus omne de galimatías. Tamén era excesivamente rigoroso en pequenas cuestións de honor e sen dúbida era, á súa maneira, un home de palabra. En realidade, isto era un dos seus pasatempos. Non tiña o máis mínimo escrúpulo en despreza-las súas promesas, mais a letra para el era algo inviolable. Esta peculiaridade do seu carácter sumada ó enxeño de Kate permitiunos, non moito tempo despois da miña conversa co meu tío no salón, acada-lo que nos propoñiamos. E entón, despois de esgotar coma os modernos bardos e oratores o meu tempo en prolegómenos, pasarei a contarlles en poucas palabras o miolo da historia. Aconteceu, pois así o quixeron as Parcas, que entre as amizades da mariña da miña prometida había dous cabaleiros que xa desembarcaran nas costas de Inglaterra despois dun ano de ausencia no estranxeiro. A miña curmá e mais eu, xunto con estes dous homes, visitamos ó meu tío Rumgudgeon unha tarde de domingo, 10 de outubro, só tres semanas despois da memorable decisión que acabou cruelmente coas nosas esperanzas. Durante media hora falamos dos temas habituais, mais ó final logramos con toda naturalidade que a conversa dera o seguinte xiro. Capitán Pratt: Estiven ausente só un ano, hoxe hai xustamente un ano. Déixenme pensar... Si, era o 10 de outubro, ¿lémbrase Sr. Rumgudgeon? Visiteino para me despedir e, por certo, semella unha coincidencia que o noso amigo, o capitán Smitherton, tamén estivese ausente hai hoxe exactamente un ano. Smitherton: Si, un ano precisamente. Lembrará, Sr Rumgudgeon, que o visitei co capitán Prattol neste mesmo día o ano pasado para lle amosa-los meus respectos . Tío: Si, si. Acórdame moi ben e, de feito, é ben raro. Os dous foron hai un ano. Verdadeiramente é unha estraña coincidencia. Isto é o que o doutor Dubble L. Dee chamaría unha extraordinaria coincidencia de feitos. O doutor Dub... Kate: (Interrompéndoo.) Estou segura, papá, de que é algo estraño, máis o capitán Pratt e o capitán Smitherton non fixeron a mesma rota e iso si que é diferente. Tío: Non o sei. ¿Como o ía saber? Ademais, creo que iso fai máis interesante a coincidencia, mais o doutor Dubble L. Dee... Kate: Papá, pero o capitán Pratt deu a volta ó cabo de Fornos e o capitán Smithterton ó de Boa Esperanza. Tío: ¡Precisamente! Un foi polo leste e outro polo oeste e os dous deron a volta ó mundo. Por certo, o doutor Dubble L. Dee... Eu: (Apresuradamente.) Capitán Pratt, ¿queren pasar mañá vostede e o capitán Smitherton a tarde connosco? Así, poderannos falar das súas viaxes, xogaremos unha partida de whist e... Pratt: ¡Oh non!, querido rapaz. Vostede esquece que mañá é domingo. Outra tarde, se cadra. Kate: Non, non, ¡por Deus! Robert non é tan malo como para enganalo. Hoxe é domingo. Pratt: Descúlpenme, mais creo que non podo estar tan equivocado. Sei que mañá é domingo porque... Smitherton: (Moi sorprendido.) ¿En que estades pensando? Onte foi domingo ¿non si? Todos: ¿Onte? ¡Vostede está de brincadeira! Tío: Sei moi ben que hoxe é domingo. Pratt: Non, non, mañá é domingo. Smitherton: ¡Pero estades todos tolos! Estou tan seguro de que onte foi domingo como que estou sentado nesta cadeira. Kate: (Levantándose apresuradamente.) ¡Xa o teño! Vexamos... Papá, isto é unha cousa de ciencias, o que a ti che gusta. Permítanme que lles explique todo nun minuto. De feito, é moi simple. O capitán Smitherton di que onte foi domingo, e é verdade. O curmán Bobby, o tío e mais eu dicimos que hoxe é domingo, e temos razón. O capitán Pratt afirma que mañá é domingo e tamén ten razón. A verdade é que todos estamos no certo e así hai tres domingos nunha semana. Smitherton: (Despois dun silencio.) Por certo, Pratt, o que di Kate é verdade. ¡Que tolos somos! Sr. Rumgudgeon, a razón é esta: ben sabe vostede que a terra ten unha circunferencia de vintecatro mil millas. O globo terráqueo xira sobre o seu propio eixe, é dicir, dá voltas sobre si mesma percorrendo esas vintecatro mil millas de oeste a leste en exactamente 24 horas, ¿entende Sr. Rumgudgeon? Tío: Para dicir verdade... O doutor Dub... Smitherton: (Interrompéndoo.) Pois ben, isto faino a unha velocidade de mil millas por hora. Agora supoñamos que eu navego dende aquí unhas mil millas ó leste. Por suposto, anticípome á saída do sol aquí en Londres nunha hora, é dicir, vexo saí-lo sol unha hora antes que vostedes. Se avanzo na mesma dirección outras mil millas, anticípome á saída do sol en dúas horas e se sigo outras mil millas máis en tres horas, e así sucesivamente ata que dea a volta completa ó globo; e cando leve percorrido vintecatro mil millas ó leste e xa me atope de novo aquí, anticipareime á saída do sol en 24 horas, iso quere dicir que terei un día de adianto sobre a hora que teñen vostedes, ¿entende? Tío: Mais o doutor Dubble L. Dee... Smitherton: (Falando moi alto.) O capitán Pratt, pola contra, cando navegou mil millas ó oeste, levaba unha hora menos, e cando fixo as vintecatro mil millas levaba vintecatro horas ou un día menos que vostedes. Por iso, para min onte foi domingo, para vostede hoxe é domingo e para Pratt mañá será domingo. E o que é máis, Sr Rumgudgeon, está perfectamente claro que todos estamos no certo porque non pode haber ningunha razón filosófica que sustente que a opinión dun teña preferencia sobre a dos outros. Tío: ¡Meu Deus! ¡Moi ben Kate e Bobby! Como dixestes, isto é algo do meu, do que me gusta. Mais eu son un home de palabra, ¡non o esquezades!; así que, Bobby, a rapaza será túa (cos cartos e todo) cando queiras. ¡Por Deus! ¡Tres domingos seguidos nunha semana! Preguntareille ó doutor Dubble L. Dee qué pensa disto. |