Voltar

Robert Louis Stevenson

Dúas fábulas

Tradución de Laura Sáez

 

  • OS PERSONAXES DO CONTO
  • Despois do capítulo 32 de A illa do tesouro, dúas figuras saíron dar un paseo e unhas bocaladas na cachimba antes de que comezase de novo o asunto. Toparon nun lugar aberto, non moi lonxe da historia.

    —Boas, Capitán –dixo o primeiro, facendo un saúdo marcial e cun sorriso radiante no rostro.

    —¡Ah, Silver! –rosmou o outro–. Mal o vexo, Silver.

    —Ben, Capitán Smollet –protestou Silver– o deber é o deber, como eu ben sei, e ninguén mellor ca min; pero agora non estamos de servicio, e non vexo por qué temos que seguir agora coa cuestión moral.

    —Amigo, é vostede un condenado falsario –dixo o Capitán.

    —Veña, ho, Capitán, sexa xusto –contestou o outro–. Non ten por qué andar anoxado comigo en serio. Eu só son un personaxe nunha historia de piratas. Realmente, non existo.

    —Ben, realmente, tampouco eu existo –di o Capitán–, no que, aparentemente, coincidimos.

    —Non vou pór límites ó que un personaxe virtuoso podería considerar como unha discusión –respondeu Silver–, pero eu son o malo deste conto, si que o son, e, falando entre homes de mar, o que quero saber é, ¿que diferencia hai?

    —¿Nunca lle ensinaron o catecismo? –preguntou o Capitán–. ¿Non sabe que hai algo así como un Creador?

    —¿Un Creador? –contestou Silver con sorna–. ¿E quen mellor ca min? E a cuestión é, se o Creador o fixo a vostede, fixo tamén a Long John, e a Hands e a Pew, e a George Merry, inda que George non che é gran cousa, xa que é pouco máis ca un nome, e fixo a Flint, ou o que queda del, e fixo este motín que estades mantendo aquí, e fixo que lle metesen un tiro a Tom Redruth, e... ben, se iso é un Creador, ¡quedo con Pew!

    —¿É que non cre nun estado ulterior? –preguntou Smollet–. ¿Vostede pensa que non hai nada máis que as follas deste conto?

    —Non lle sei moi ben –dixo Silver–. E, en calquera caso, non vexo qué ten que ver con isto. O que sei é o seguinte: se hai algo así como un Creador, daquela eu son o seu personaxe favorito. El faime milleiros de veces mellor que a vostede... milleiros, si. E gústalle facerme. Case todo o tempo me pon no sollado, mesmo en muletas, e a vostede déixao todo esmirrado na bodega, onde ninguén nin pode nin quere velo, así que, ¡afágase á idea!

    —Xa vexo que lle está dando moita corda –dixo o Capitán–, pero iso non cambia as conviccións dun home. Sei que o Creador me respecta, síntoo nos ósos; cando vostede e mais eu tivemos aquela conversa na porta da fortificación, ¿de que parte pensa que estaba, amigo?

    —¿E acaso a min non me respecta? –bruou Silver–. Ah, tiña que me ter escoitado cando sufoquei o motín dos meus, George Merry e Morgan e toda esa panda, non hai moito, no último capítulo; ¡tiña que ter escoitado algo daquilo! ¡Tiña que ter visto o que pensa o Creador de min!.. Pero, veña, ¿Considérase vostede un personaxe completamente virtuoso, de comezo a fin?

    —¡Deus non o queira! –dixo o Capitán Smollett, solemnemente–. Eu son un home que trata de cumpri-lo seu deber, e tan a miúdo o consegue, coma non. Non son un home moi considerado na casa, Silver, ¡teño medo! –e o Capitán suspirou.

    —Ah –dixo Silver–. E logo, ¿que pasa con esa continuación que di? ¿Di que vai se-lo Capitán Smollett, o mesmo de sempre, e non moi considerado na casa? E se así é, vaia, a ILLA DO TESOURO volverá se-lo mesmo, ¡relustros, vaia que si!, e eu serei Long John e Pew será Pew, e teremos outro motín, quéirao vostede ou non. ¿Ou é que vai ser outro? E se así é, vaia, ¿que boísimo personaxe vai ser? ¿E que terrible personaxe serei eu?

    —Vaia, mire, amigo –respondeu o Capitán–. Non podo entender cómo se desenvolve esta historia, ¿sabe? Non podo comprender como é que vostede e mais eu, que non existimos, podemos estar aquí falando, fumando na cachimba, coma se todo o mundo fose realidade. Moi ben, daquela, ¿quen son eu para aparecer coas miñas opinións?, ben sei que o Creador está da parte do ben; el así mo di, así é como flúe da súa pluma ó tempo que escribe. Ben, iso é todo o que preciso saber, arriscareime no que falta por vir.

    —O que é evidente é que parecía estar contra George Merry –admitiu Silver caviloso–, pero George é pouco máis que un nome, como moito –engadiu, alegremente–. E para afondarmos un pouco, por unha vez, ¿que é o que está ben? Eu organicei un motín, e fun un buscador de fortunas, si, pero en todo o conto, vostede tampouco foi un santo. Eu son un home ó que non lle custa facer boa compañía, e vostede, vostede mesmo o di, vostede non. E para min, polo que o coñezo, é vostede algo así coma un deño. ¿Quen é quen? ¿Quen é bo e quen malvado? ¡Ah, vostede me dirá! Aquí estamos, nesta incerteza, e ¡terá que afacerse á idea!

    —Amigo, ningún de nós é perfecto –retrucou o Capitán–, ese é un feito que amosa a relixión. Todo o que podo dicir é, eu trato de cumpri-lo meu deber; e, se vostede trata de cumpri-lo seu, daquela, se triunfase, non o podería felicitar.

    —Daquela vostede sería o xuíz, ¿non é? –dixo Silver en ton de mofa.

    —Por vostede eu sería tanto xuíz coma aforcado, amigo, sen inmutarme nunca –contestou o Capitán–. Pero aínda vou máis alá, pode que non sexa teoloxía propiamente, mais, ten bastante sentido que o que é bo é tamén útil... ou máis ou menos, xa que non son coñecido como pensador. Así que, ¿onde iría unha historia de non ter personaxes virtuosos?

    —Se nos poñemos así –respondeu Silver–, ¿por onde comezaría unha historia, de non haber malvados?

    —Si, ese case é o meu razoamento –dixo o Capitán Smollett–. O Creador ten que ter unha historia, iso é o que quere, e para ter unha historia e para darlle a un personaxe como, digamos, o doutor, unha boa oportunidade, ten que meter polo medio xente coma vostede e Hands. Pero el está na parte do ben, e vostede, ¡ande con ollo!, para vostede aínda non acabou esta historia, e veñen problemas que chaman polo seu nome.

    —¿Aposta algo? –preguntou John.

    —Moito me preocuparía se non os tivese –contestou o Capitán–. Estou bastante orgulloso de ser Alexander Smollett, malo como é, e agradézolle ás estrelas do ceo que non son Silver. Pero, aí está abríndose o tinteiro. ¡Ós nosos postos!

    E, de feito, xusto entonces, o Creador estaba empezando a escribi-las palabras:

    CAPÍTULO XXXIII

     

     

     

     

     

     

     

     

    II. O BARCO QUE ÍA CALANDO

    —Señor –o tenente primeiro irrompeu no camarote do Capitán–, o barco vai a pique.

    —Moi ben, Señor Spoker –dixo o Capitán–, pero esa non é razón para andar por aí medio barbeado. Exercite por un momento o intelecto, Señor Spoker, e verá que, para o ollo filosófico non hai nada novo na nosa situación: se é que o barco vai ir a pique, daquela xa ía ser así mesmo desde a botadura.

    —Está calando rápido –dixo o tenente primeiro, cando volveu de se barbear.

    —¿Rápido, Señor Spoker? –preguntou o Capitán–. A expresión é certamente estraña, xa que o tempo, se pensamos nel, é un concepto relativo.

    —Señor –dixo o tenente primeiro–, penso que pouco paga a pena embarcármonos nun debate tal, cando, en dez minutos todos poderiamos estar dándolle de comer ós peixes.

    —Segundo ese mesmo razoamento –replicou o Capitán cortesmente–, nunca pagaría a pena comezarmos calquera pescuda de importancia, posto que, a probabilidade de morrer antes de chegar a unhas conclusións é máxima. Vostede, Señor Spoker, non considerou a situación do home –dixo o Capitán, sorrindo ó tempo que negaba coa cabeza.

    —Estou bastante máis ocupado en considera-la situación do barco –dixo o Señor Spoker.

    —Aí falou coma un bo oficial –comentou o capitán, apoiando a man no ombro do tenente.

    No sollado, decatáronse de que os homes entraran na bodega, e estaban a emborracharse moi rapidamente.

    —Compañeiros –dixo o Capitán– isto non ten sentido ningún. O barco vai a pique, diredes, nuns dez minutos. Ben, ¿e que? Para o ollo filosófico, non hai nada novo na nosa situación. Ó longo das nosas vidas, pode que estivesemos a punto de padece-lo derramo dunha vea, ou a punto de que un lóstrego nos caese encima, non só en dez minutos, senón en dez segundos; e iso non nos impediu comermos cada día, non, nin gardármo-lo diñeiro na caixa de aforros. Asegúrovos, coa man no corazón, que non comprendo a vosa actitude.

    Os homes estaban xa demasiado peneques para prestar atención.

    —Esta é unha visión moi penosa, Señor Spoker –dixo o Capitán.

    —E segundo o ollo filosófico, ou como queira que se chame –contestou o tenente primeiro–, xa ían estar a se emborrachar des que subiron a bordo.

    —Non estou certo de se vostede é sempre quen de segui-lo meu razoamento, Señor Spoker –respondeu o Capitán, delicadamente–. Pero, sigamos.

    Na polvoreira, toparon cun vello lobo de mar, fumando na cachimba.

    —¡Deus Bendito! –baduou o Capitán–. ¿Pero, que fai vostede?

    —Ben, Señor –dixo o vello lobo de mar, desculpándose–, é que me dixeron que estabamos afundindo.

    —¿E de ser así? –preguntou o Capitán–. Para o ollo filosófico non habería nada novo na nosa situación. A vida, meu vello compañeiro, a vida, de calquera xeito, en calquera lugar, é igual de perigosa que nun barco que vai calando, e, sen embargo, o home gusta de levar paraugas, calzar chancos de caucho, comezar traballos de envergadura, e actuar en cada caso coma se esperase ser eterno. Pola miña humilde parte, eu desaprobaría o home que, inda embarcado nun barco que vai calando, non tomase unha menciña ou non lle dese corda ó seu reloxo. Esa, meu amigo, non sería a actitude humana.

    —Perdoe, Señor –dixo o Señor Spoker–. Pero, ¿cal é a diferencia entre barbearse nun barco que vai calando e fumar nunha polvoreira?

    —¿Ou facer calquera cousa en calquera outra circunstancia imaxinable? –berrou o Capitán–. Perfectamente concluínte; ¡déame un cigarro!

    Dous minutos máis tarde, o barco estourou cunha detonación gloriosa.

    © BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2004
    © da tradución Laura Sáez, 2004